InicioEconomíaEmpresarios de Mos manteñen a ameaza de marchar a Portugal

Empresarios de Mos manteñen a ameaza de marchar a Portugal

Rexeitan o canon que pretende impor a comunidade de montes de Tameiga e aseguran que o polígono de Monte Faquiña é "sete veces máis caro" que as ofertas de Valença.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un estudo realizado pola Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) asegura que a zona industrial de Monte Faquiña é “esaxeradamente” máis cara que calquera outra da súa contorna, unha vez aplicado o canon que pretende impor a comunidade de montes de Tameiga, chegando a ter un prezo sete veces maior que as ofertas de Valença do Miño.

“Monte Faquiña é hoxe nada menos que sete veces máis cara que a opción menos económica das ofertas en Valença do Minho, un territorio cara ao que están a estudar desprazarse numerosas empresas de Tameiga e Cabral precisamente pola presión das comunidades de montes“, reivindicaron desde Aemos.

Así, o informe compara os prezos que se imporían en Monte Faquiña con catro áreas empresariais da zona: terreos da comunidade de montes de Dornelas (adxacentes ao polígono de Monte Faquiña), chan de comunidades veciñais de Valença do Minho, polígono industrial da Veigadaña e Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves (Plisan).

Por exemplo, unha parcela de 5.000 metros cadrados, con 4.000 metros edificables, custaría 4.900 euros ao ano en Dornelas, 20.000 euros en Valença, 11.250 euros en Pemos, 8.950 euros na Plisan e 147.600 euros de quedar en Monte Faquiña.

O traballo explica que no caso de Valença asumiuse a oferta máis cara de cantas se puxeron sobre a mesa nas vistas realizadas a Portugal, xa que a propia Câmara Municipal asegurou que existía chan dispoñible a un prezo simbólico de 1 euro o metro cadrado.

“Aemos entende que o informe reflicte con claridade a irracional posición dos comuneiros de Tameiga fronte a un mercado tremendamente competitivo e lamenta que a súa postura supoña un freo para a captación de novos investimentos empresariais, tanto por prezo como sobre todo por inseguridade xurídica”, criticaron.

Os empresarios de Mos lembraron que tanto no caso de Tameiga como en Cabral, a problemática xurdiu por mor de que os tribunais outorgaron a propiedade do chan que ocupan as empresas ás comunidades de montes.

A partir de aí, os comuneiros decidiron non respectar as condicións dos contratos fixados no seu día polo Concello coas compañías, “que realizaron millonarios investimentos para pór en marcha as súas actividades baixo a premisa de contar cun canon determinado e unha duración da concesión suficiente para garantir a amortización do negocio”.

ÚLTIMAS

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan o atropelo mortal a un home de 33 anos na AP-9 en Vigo

A Garda Civil investiga o atropelo mortal a un home de 33 anos, veciño...

Vigo aproba o seu orzamento para 2025 cos votos a favor do PSOE e o ‘non’ de BNG e PP

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns o orzamento municipal para 2025, que...