InicioEn Profundidade'Okupas' no centro de Vigo: golpeados pola miseria e comidos polas ratas

‘Okupas’ no centro de Vigo: golpeados pola miseria e comidos polas ratas

A morte dun 'okupa' nunha infravivenda no Barrio do Cura volve evidenciar a miseria na que se atopa moita xente no centro de Vigo, onde os 'sen teito' sobreviven sen auga e luz, e arrodeados de lixo, fedores, humidade, cascallos e ratas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O cadáver dun home duns 45 anos apareceu o pasado 27 de marzo nunha infravivenda okupa na que se refuxiaba, no número 16 da rúa Llorente de Vigo. Comido polas ratas e en estado de descomposición, este home representa os ‘ninguéns’, os ‘sen teito’ que en pleno centro de Vigo tentan sobrevivir en condicións miserables e invisibles para o resto dos cidadáns e os que nos gobernan.

O achado do cadáver do home conmocionou a uns pocos –veciños, okupas e o colectivo Os Ninguéns, que organizou una despedida-homenaxe á vítima–, os que sabían o seu nome e procedencia: Constante, de Rumanía (Constantino para os que o coñecían). Del e dos que van finando en silencio só se acordan os medios cando xa están mortos, para encher a sección de Sucesos con máis cadáveres. Vivos non interesan a ninguén.

No barrio, foron cada vez máis os okupas que se instalaron en infravivendas das rúas Llorente e Santa Marta, e no antigo e derruído asilo, maiormente persoas sen recursos, castigadas pola crise económica e arroxadas á pobreza extrema. Hai quen di no barrio que este auxe ten que ver coa estratexia especulativa dos construtores que queren levantar un novo barrio de luxo. O fomento da okupación, presuntamente favorecida polos promotores inmobiliarios coa conivencia das autoridades políticas, estaría fomentando a degradación e devaluación da zona, o que favorecería os intereses dos empresarios para botar dos inmobles, por catro pesos, aos poucos propietarios que resisten ante a presión, e dar así un novo ‘pelotazo’ urbanístico.

Este morto –un máis entre unha xa longa lista de anónimos falecidos neste barrio– é un síntoma máis da degradación da zona… e da nosa sociedade. Alí, outros okupas seguen instalados en inmobles que se caen a cachos, cheos de suciedade, humidade e fedores insoportables para a xente corrente, arrodeados de ratas, sen auga nin luz… Condicións inaceptables nun país que se cre do Primeiro Mundo e no que o dereito a unha vivenda digna está protexido na Constitución, pero abandonado no máis fondo do esquecemento.

Calquera destes seres humanos é candidato a morrer indigna e prematuramente nas mesmas circunstancias que finou Constantino, na máis absoluta miseria e soidade. Son conscientes, pero non teñen saída. Están fóra do sistema.

Na mesma rúa Llorente, Jesús okupa outro inmoble. Aos seus 59 anos, este ceutí chegado a Vigo desde Andalucía na procura de traballo, asume que non ten futuro aquí. “En este país no nos quieren. Parece que somos nulos, teniendo universidad o FP, habiendo trabajado, cotizado…”, láiase sobre a situación de milleiros de cidadáns que simplemente pola súa idade foron expulsados do sistema de benestar.

As condicións nas que sobrevive Jesús son lamentables. Sen luz e sen auga, arrodeado de ratas, e conectado ao mundo por unha pequena e vella radio, apáñase como pode para manterse vivo e lúcido, agardando que por fin lle chegue unha Renda de Integración Social (Risga) “insuficiente” para manter unha vida digna, e sabedor de que nuns meses será botado desa infravivenda, en pleno Barrio do Cura.

Cando cae a noite, un par de candeas manteñen a Jesús na penumbra. “Esto no es posible en un país desarrollado como dicen que es España”, láiase, ao tempo que critica os distintos gobernos –”de todos os signos”– por “decir cuatro tonterías” sen aportar solucións reais para os máis maiores sen traballo nin recursos.

Jesús fachenda de ser un home “preparado intelectualmente”. Tamén de que malia que a tentación existe, e nela caen moitos dos abandonados polo sistema, resistiuse a que a miseria e a soidade o levasen ao pozo da depresión, o alcol e as drogas. Considérase unha persoa “normal” que “podría aportar mucho a la sociedad”, pero “en este país las compañías y los gobiernos se desentienden”, denuncia.

Na lembranza quedan aqueles que morreron de xeito miserable. “Hay gente que ha muerto, que ha tirado la toalla, y no es justo”, lamenta Jesús.

De veciño no barrio ten a Antonio Eduardo, outro ‘ninguén’ que comparte con outros dous okupas o miserento espazo no que sobreviven, nun edificio en construción paralizado en Santa Marta. Na procura de traballo, está desesperado porque ninguén o quere. O motivo? Que é maior.

Este portugués, residente en Vigo desde 2002, traballou en obras, feiras, como panadeiro… Agora está de “gorrilla” no porto. Para el é imposible atopar un emprego. O mesmo que ao seu compañeiro, tamén portugués, quen leva catro anos vivindo nunha “situación de miseria”. Non só o din eles, as imaxes falan por si soas. Viven nunha obra, en condicións absolutamente deplorables, indignas, cun terceiro compañeiro enfermo.

O que acontece no Barrio do Cura non é propio dunha sociedade avanzada. En pleno centro de Vigo, a pobreza extrema agóchase en lúgubres espazos cos que se está especulando para dar outro ‘pelotazo’ urbanístico, mentres aí fora, políticos e cidadáns seguen deslumbrados polas luces do alcalde Abel Caballero e dos grandiosos e luxosos cruceiros que chegan ao porto vigués, aos pés das ratas.

Que vai pasar con esta xente segue sendo unha incógnita.

ÚLTIMAS

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...

Atascos na A-55 en ambos os sentidos á altura de Mos ao rexistrarse dous accidentes sen feridos

A A-55 volveu a rexistrar longos atascos na mañá deste venres en ambos os...

Desacordos “estratéxicos” fixeron que Tavares saíse de maneira “amigable” de Stellantis

O exconselleiro delegado de Stellantis, Carlos Tavares, volveu a falar tras a súa saída...

Detida unha muller en Vigo por non pagar un desprazamento en taxi e que tiña pendente unha orde de arresto

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller de 45 anos de...