InicioEconomíaVigo convértese no "epicentro mundial do sector de produtos do mar"

Vigo convértese no “epicentro mundial do sector de produtos do mar”

Comeza o Congreso Internacional Conxemar-FAO.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este luns a relevancia da cidade como “epicentro mundial do sector de produtos do mar” durante a inauguración do X Congreso Internacional Conxemar-FAO, que se celebrou no Centro Social Afundación da cidade olívica.

Así o sinalou a representante autonómica na apertura desta cita, que se centrou nos retos presentes e futuros da transformación e da comercialización do peixe.

“Estamos ante unha cita que xa se converteu nun escaparate único para importadores, transformadores e exportadores nun contexto de incerteza económica xeneralizada”, reivindicou Fernández-Tapias, quen ofreceu a colaboración do Goberno galego e solicitou aos participantes no congreso que acheguen as súas conclusións “para mellorar as liñas de actuación en todas as frontes”.

A delegada do Executivo galego apostou por facer de Galicia unha plataforma loxística atractiva para captar investimentos co fin de impulsar a armazón industrial actual e de futuro.

“Somos un enclave internacional estratéxico, territorial e marítimo, para fluxos de mercadorías e tamén unha base loxística para a apertura comercial e o reforzo en competitividade do tecido empresarial”, reivindicou.

“RETOS DIFÍCILES”

Pola súa banda, o presidente de Conxemar, Eloy García, destacou os “retos difíciles” aos que se enfronta a industria na actualidade, pondo en valor que este congreso servirá para tratar a situación actual que vive o sector e mellorar a xestión das empresas grazas ás conclusións obtidas.

Tamén o director adxunto de Acuicultura e Pesca da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), Audum Lem, indicou que este Congreso é “fundamental” para a súa organización, xa que nel participa tanto a industria como as administracións.

Lem recoñeceu que este ano é “especialmente difícil” para a pesca, debido ás consecuencias da guerra ou ao aumento dos custos da enerxía e das materias primas, o cal provocou unha redución da demanda.

Con todo, asegurou que 2022 tamén é un ano de esperanza, coa chegada de subvencións para o sector pesqueiro e coa celebración do Ano Internacional da Pesca Artesanal, que dá voz a este tipo de traballos.

PROCURA DA EXCELENCIA

Así mesmo, durante a súa intervención no acto, a secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, animou o sector a seguir explorando novas actuacións que persigan a excelencia como elemento diferencial na transformación e comercialización dos produtos do mar, co obxectivo de ofrecer aos consumidor alimentos con maior valor engadido e que respondan ás novas esixencias de sustentabilidade.

Villauriz recoñeceu o “extraordinario” papel de todo o sector pesqueiro durante a pandemia, ao garantir o abastecemento de produtos do mar a toda a cidadanía. No entanto, explicou que agora se enfronta aos efectos da guerra en Ucraína, que supuxo un incremento significativo dos custos de produción.

Neste sentido, puxo en valor as axudas impulsadas desde o Ministerio, como aquelas destinadas á eficiencia enerxética do sector pesqueiro, mediante a subvención de proxectos para a mellora das embarcacións.

A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar) abrirá as súas portas este martes no Instituto feiral de Vigo (Ifevi), onde uns 700 expositores de 40 países daranse cita na que é xa a XXIII edición do evento.

ÚLTIMAS

A parella interceptada en Nigrán con 20 quilos de heroína no seu coche acepta 6 anos de prisión

A parella interceptada en abril de 2023 en Nigrán (Pontevedra) cun cargamento de máis...

Confirman a condena a Hugo Mallo por abuso sexual á muller que facía de mascota do Espanyol

A Audiencia de Barcelona confirmou a condena ao futbolista Hugo Mallo por realizar tocamentos a unha...

Os sospeitosos de apoiar a unha banda de atracadores que actuaba en Portugal foron detidos en Vigo, Redondela e Pazos

Os catro sospeitosos de colaborar dando apoio loxístico a un grupo de atracadores que...

A Cooperativa de Armadores de Vigo cumpre 60 anos e reafirma o seu compromiso coa pesca sustentable

A Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI, celebrou este xoves cun acto os seus...