InicioEconomíaListo o estudo definitivo de opcións para garantir auga a Vigo e...

Listo o estudo definitivo de opcións para garantir auga a Vigo e a súa área

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil remitiu o informe a Xunta e Concello.

PUBLICADO O

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu da empresa redactora o estudo definitivo de alternativas para garantir o abastecemento futuro de auga en Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra, onde se recolle a opción elixida como a óptima.

A CHMS remitiu á Xunta e ao Concello de Vigo, as dúas administracións coas que se asinou o convenio para a redacción do informe, este documento, cuxas conclusións son practicamente as mesmas que as recollidas no informe preliminar que se deu a coñecer en setembro do ano pasado.

Da análise realizada, os técnicos conclúen que a mellor opción sería a execución dun conxunto de varias actuacións complementarias: unha captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo; unha pequena presa augas arriba do encoro de Eiras, na canle do Oitavén; unha impulsión de auga desde o Miño ao encoro de Zamáns; e unha condución por gravidade para conectar as redes de Nigrán e Gondomar.

Precisamente, no informe coñecido en setembro pasado chegábase á mesma conclusión, e ás mesmas actuacións necesarias, aínda que se apuntaba tamén a necesidade de duplicar o chamado túnel de Amoedo en Redondela. Nese estudo estimábase tamén que o investimento necesario para acometer estas actuacións estaría ao redor dos 67 millóns de euros.

No seu día, o Concello de Vigo expresara que a captación desde o Verdugo sería unha medida para transvasar auga “só en caso de emerxencia” e que a construción dunha segunda presa algo máis arriba da de Eiras quedaría como medida “a longo prazo”.

Pola súa banda, a Xunta indicara que estudaría o informe pero avanzara o seu desacordo con executar unha captación desde o río Verdugo, “especialmente en períodos de menor pluviosidad”.

SOLICITUDE DE INICIO DE TRAMITACIÓN AMBIENTAL

Ademais do estudo definitivo de alternativas, redactáronse dous documentos adicionais: un descritivo da solución seleccionada e outro de solicitude de inicio da tramitación ambiental do estudo.

Estes documentos, explicou a Confederación, son necesarios para solicitar ao Órgano Ambiental, na definición dada pola Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, a redacción do documento de alcance do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto, que debe definir o contido do mesmo.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...