InicioEconomíaVitrasa admite "desaxustes" no servizo de bus por mor das baixas causadas...

Vitrasa admite “desaxustes” no servizo de bus por mor das baixas causadas pola covid-19

Dos 290 condutores e condutoras, hai 64 en situación de incapacidade temporal.

PUBLICADO O

O elevado absentismo entre os condutores do persoal de Vitrasa, concesionaria do bus urbano en Vigo, provocou “desaxustes no servizo”, segundo admitiu este luns a empresa, que lamentou que, entre “outros factores”, as consecuencias da sexta onda da pandemia de Covid están detrás do gran número de baixas de condutores e condutoras.

Segundo Vitrasa, dos 290 condutores e condutoras, hai 64 en situación de incapacidade temporal, derivada, entre outras cuestións, dos casos positivos por Covid ou persoas illadas por ser contactos dalgún caso. A cifra, que varía cada día, “é a maior na historia da compañía”.

“Este elevado impacto na falta de persoal de condución para prestar o servizo resulta un feito non só imprevisible, senón compartido noutras empresas e sectores do país, o que fai que sexa complexo de solucionar a curto prazo, e está a requirir axustes nos servizos”, explicou Vitrasa.

A concesionaria asegurou que está a realizar “esforzos enormes en operacións e recursos humanos” para poder contar co maior número posible de choferes e poder así “volver á normalidade”, aínda que advertiu de que o problema de absentismo “é crítico” e ese retorno aos servizos habituais terá que ser “progresivo”.

Finalmente, Vitrasa avanzou que xa iniciou o proceso de selección para contratar persoal que cubra estas baixas, aínda que explicou que o proceso está a ser “retardado” pola escaseza de perfís profesionais cualificados no sector.

A este problema súmase a crise de subministracións a nivel mundial que, segundo a empresa, impide a reparación de varios autobuses que están inutilizados “debido aos danos sufridos recentemente na última convocatoria de folga”, segundo Vitrasa.

Os sindicatos denunciaron hai uns días que, a pesar da desconvocatoria do paro, a empresa non repuxera todos os servizos e que utilizaba “a escusa da folga” para manter os servizos “recortados”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...