A provincia de Pontevedra protagoniza os últímos datos publicados pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) relativa ao segundo trimestre do ano. E é que Pontevedra suma 9.000 dos 11.500 parados menos en Galicia entre abril e xuño de 2018.
Esta importante diminución é para a Cámara de Comercio de Pontevedra “un excelente sinal de que a segunda metade do ano será máis favorable para o emprego; trátase da maior caída de paro rexistrada na nosa Comunidade”.
A institución que preside José García Costas, que celebrou estes días a súa reunión mensual de Comité Executivo, entende que o obxectivo “é continuar a senda de crecemento do emprego, tratando de reducir, ademais, a temporalidade dos contratos e fomentar o emprego xuvenil”.
A nivel nacional, as Cámaras de Comercio españolas estiman que o proceso de creación de emprego proseguirá con dinamismo durante a segunda metade do ano, cun incremento medio da ocupación do 2,4%, ao redor de 450.000 postos de traballo, durante o conxunto do 2018. A finais do exercicio, a economía española podería situar a súa taxa de paro na contorna do 14,5%, nun contexto de crecemento do PIB do 2,7% para o conxunto do ano.
As perspectivas favorables en materia económica para 2019, cun avance na contorna do 2,4% segundo as últimas previsións da Cámara de Comercio de España, permiten así mesmo prognosticar a continuación da senda de creación de emprego durante o próximo ano, con aumentos na ocupación na contorna do 2%.
sen esquecerse de mellorar a calidade do emprego
De tódolos xeitos, “as cuestións laborais deben seguir figurando entre as prioridades na axenda da política económica, ao presentar o noso país unha taxa de paro que segue duplicando a rexistrada na Unión Europea e permanecer os problemas para acceder a un posto de traballo por parte dos mozos ou os parados de longa duración”, recoñeceron desde a Cámara.
“Neste sentido, calquera revisión do marco laboral debería partir do consenso e orientarse a impulsar determinadas reformas estruturais no seu funcionamento, en aras de mellorar a calidade do emprego, aumentar a taxa de actividade, reducir a burocracia e os custos derivados da contratación, e reformar as políticas activas de emprego”, selaron.
A nivel agregado, os principais retos a atender con potencial incidencia sobre o mercado laboral, céntranse na inestabilidade territorial en España, os riscos de desviación dos presupostos que impidan alcanzar os obxectivos acordados cos nosos socios comunitarios, o avance nas reformas estruturais pendentes (financiamento autonómico, sistema de pensións ou funcionamento das Administracións Publicas), e a resolución de determinadas incertezas a nivel internacional (como o agravamento da tensión comercial entre a Unión Europea e Estados Unidos ou a escalada dos prezos do cru).