Os datos provisionais do primeiro trimestre deste 2018 confirman a tendencia á alza no número de cidadáns galegos que acoden ás herdanzas en vida para transmitir bens aos seus herdeiros: foron 3.977 entre xaneiro e marzo de 2018, fronte aos 3.940 do mesmo período de 2017.
En canto á provincia de Pontevedra, pasouse dun total de 1.407 herdanzas no pasado ano a 1.414, a partir dun crecemento sostido e estable que substitúe ao exponencial que se viviu en toda a comunidade galega en 2015. Porque duplicáranse entre 2015 (7.345) e 2016 (15.295).
Como aclara o Ilustre Colexio Notarial de Galicia, este notable incremento débese á reforma fiscal da Xunta que entrou en vigor en xaneiro de 2016 e que exime do pago do imposto de Sucesións ás herdanzas de ata 400.000 euros de pais a fillos, de avós a netos ou entre cónxuxes. Ademais, en febreiro de 2016 o Tribunal Supremo sentenciou que os pactos sucesorios quedaban exentos de tributar no IRPF como ganancia patrimonial.
Polo que respecta ao primeiro trimestre de 2018, aínda que o número de pactos asinados diminuíu nun 3,5% na provincia da Coruña, a que máis achega ao total, este descenso compénsase co aumento do 17,5% rexistrado na de Lugo.
O número de herdanzas elevouse de xeito salientable en Galicia, ata o feito de que en 2007 as herdanzas anuais eran 1.620 na Coruña, 379 en Lugo, 188 en Ourense, 1.755 en Pontevedra e 3.842 no total de Galicia.
Pois ben, só no primeiro trimestre de 2018 rexistráronse máis herdanzas en Lugo, Ourense e no total de Galicia que naquel ano enteiro, e Pontevedra e A Coruña experimentaron tamén un crecemento semellante.
