A empresa concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, reclama ao Concello máis de 15 millóns de euros polas perdas sufridas debido ás restricións impostas con motivo da pandemia de Covid, e despois de que o goberno local aprobase en plena crise sanitaria (en xuño de 2020) ampliar esta concesión por un período de 5 anos.
A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou este venres desestimar os recursos de reposición interpostos pola empresa contra as decisións do Concello de non aceptar a totalidade dos pagos que reclama.
Así, Vitrasa remitiu ao consistorio diversas solicitudes ao longo de 2020 para reclamar compensacións que restablecesen o equilibrio económico da concesión. En total, reclamou máis de 11 millóns de euros correspondentes ás perdas entre marzo e decembro de 2020.
Pero o Concello pagoulle 2,2 millóns (aprobados en Xunta de Goberno en decembro de 2020) ao considerar que só debía resarcir a empresa polo período equivalente á vixencia do estado de alarma.
A mediados de 2021, o Concello recibiu 5,5 millóns de euros procedentes do Goberno, en virtude do Real Decreto que contemplaba subvencións por perdas no transporte urbano, e volveu pagar a Vitrasa, esa vez 3,5 millóns.
Ao longo de 2021, a empresa concesionaria seguiu reclamando as perdas orixinadas mes a mes, ata un total de 5,6 millóns de euros entre xaneiro e agosto deste ano.
Ademais, Vitrasa volveu dirixirse ao Concello en xuño e xullo pasados reclamando polas perdas de 2020, que estima en 9,9 millóns descontado o diñeiro recibido como compensación. Deste xeito, entre a reclamación correspondente ao pasado ano e o que reclama de 2021, a empresa pide que se lle compense en máis de 15 millóns de euros.
Dáse a circunstancia de que, en xuño de 2020, en plena pandemia, a Xunta de Goberno Local acordou prorrogar a concesión a Vitrasa por outros cinco anos, e iso a pesar dos anuncios de que se faría unha nova licitación e un novo concurso para adxudicar este servizo. Nese momento, o propio alcalde xustificou a prórroga alegando que a crise sanitaria facía imposibles os cálculos económicos do prego de concesión.
Así as cousas, e coas reclamacións de Vitrasa sobre a mesa, todo parece indicar que, desestimados os recursos de reposición, a saída que queda á empresa é acudir aos tribunais pola vía contencioso-administrativa.