InicioEconomíaAnulada a sanción de Nueva Pescanova a unha empregada que denunciou acoso...

Anulada a sanción de Nueva Pescanova a unha empregada que denunciou acoso e á que terá que indemnizar por dano moral

O xuíz cre que a sanción "non tiña base fundada" e que se vulnerou o dereito da denunciante a non ser discriminada por razón de sexo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Social número 5 de Vigo declarou nula a sanción imposta a unha traballadora do centro industrial de Nueva Pescanova no Porriño, á que a empresa amoestou por verter supostamente acusacións graves contra un xefe e por obstaculizar unha comisión investigadora interna creada por un suposto episodio de acoso laboral e sexual.

Segundo se recolle na sentenza, feita pública este martes polo sindicato CIG, esta traballadora denunciou que sufría acoso laboral e sexual por parte dun encargado e trasladou os feitos á empresa, que activou un protocolo específico e constituíu unha Comisión Investigadora interna.

Dita comisión reuniuse ao longo de varios meses, con certo atraso debido ao estado de alarma, e solicitou diversos testemuños, aínda que a traballadora afectada acabou por desistir da denuncia alegando que non tiña confianza na imparcialidade do devandito órgano. Así mesmo, ao longo do proceso, a CIG interpuxo unha denuncia ante Inspección de Traballo, xa que a empresa vulnerou o principio de confidencialidade ao que estaba suxeita esa comisión investigadora interna.

En calquera caso, ese órgano acabou arquivando a denuncia polo suposto acoso, aínda que propuxo revisar o comportamento da traballadora, alegando que fixera “graves acusacións” contra o seu encargado e que levara a cabo un “labor obstaculizador” desa investigación interna. Ese proceso acabou cunha amoestación á empregada por unha falta grave.

A traballadora, afiliada da CIG, presentou recurso para impugnar esa sanción disciplinaria e agora o xulgado do Social 5 de Vigo deulle a razón.

VULNERACIÓN DO DEREITO A NON SER DISCRIMINADA

Segundo a resolución do xuíz, esa obstrución non se produciu en ningún momento e, de feito, resalta que o arquivo da denuncia de acoso por parte da comisión, non significa que carecese “dun mínimo de veracidade”. Así, remítese á declaración da traballadora, que se reafirmou na devandita denuncia, e á de dúas testemuñas que recoñeceron certos comportamentos “inadecuados” por parte do seu superior.

O xuíz do Social tamén expón que, á marxe do resultado da investigación, era “vox populi” a denuncia da muller, todo iso a pesar de que a empresa estaba obrigada a gardar a confidencialidade, e sinala que a sanción imposta non tiña “base fundada nin obxectiva”.

O maxistrado vai máis aló, e remítese a informes de diversos organismos e institucións que reflicten que o acoso sexual e laboral é un problema que “se ceba” especialmente coas mulleres, e advertiu de que, neste caso, a actitude da empresa puido actuar como “barreira disuaria” non só para a empregada afectada, senón para algunha outra compañeira que, nalgún momento, tivese que denunciar feitos similares e buscase o amparo patronal.

Por todo iso, o xuíz estima a demanda de impugnación e anula a sanción de amoestación imposta á traballadora, á vez que condena á empresa a abonarlle 6.251 euros polo dano moral derivado da vulneración do seu dereito a non ser discriminada por razón de xénero.

ÚLTIMAS

Investigan a un octoxenario de Baiona por disparar contra unha vaca e ferir ao seu propietario

A Garda Civil investiga a un veciño de Baiona, de 81 anos de idade,...

O sector pesqueiro advirte da “imposibilidade” de cumprir o novo Regulamento de Control da UE

O sector pesqueiro español manifestou á secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, a súa...

Abel Caballero celebra o éxito do Nadal de Vigo cunha ocupación hoteleira do 87%

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou que o Nadal da cidade continúa "batendo...

O Porriño fai pleno no Sorteo de ‘El Niño’: vendeu o primeiro e o segundo premio

O número 45875 foi o agraciado co segundo premio, dotado con 750.000 euros por...