InicioEconomíaAsinado o convenio do metal de Pontevedra con parte dos sindicatos divididos

Asinado o convenio do metal de Pontevedra con parte dos sindicatos divididos

A patronal defende que o acordo non resta dereitos aos traballadores e CC.OO. e UGT din que "non ter convenio non é unha solución". CiG e plataforma de traballadores do metal, opóñense.

PUBLICADO O

A patronal do metal da provincia de Pontevedra –-Asime, Atra e Instaelectra– e os sindicatos CC.OO. e UGT asinaron na tarde deste luns o convenio do sector, que consideran “moderno” e “con boas condicións para traballadores e empresas”.

En declaracións aos medios con posterioridade á firma, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, manifestou que esta firma se produce tras 15 reunións dunha negociación que definiu como “seria e rigorosa” e que permitiu chegar a este acordo “con moito sacrificio e esforzo”.

Tal e como mantivo, este convenio, que se estende durante un período de tres anos –de 2020 a 2022– incorpora “acordos moi relevantes para os traballadores”. Entre eles, mencionou o “aumento salarial do 4 % en total” para estes tres anos, o que supón soldos “iguais ou superiores a momentos nos que o sector estaba nunha boa situación”.

En concreto, este documento contempla incrementos salariais do 0,5 % en 2020, sen xerar atrasos –unicamente para os efectos de actualizar as táboas–; do 1,75 % para 2021 sobre a táboa salarial de 2020; e do 1,75 % para 2022 sobre a táboa salarial do ano previo.

Mallón remarcou que este é un acordo “xeneroso desde a patronal” e “absolutamente indispensable e imprescindible para empezar a recuperación do sector”. Así as cousas, incidiu en que hai sectores que están a pasar “por un momento crítico” pola crise sanitaria, mentres que outros sufriron “unha parálise de proxectos de gran dimensión”, o que esperan que sexa temporal.

RESPOSTA Ás CRÍTICAS

En relación ás críticas da CIG e a Plataforma de Traballadores do Metal –integrada por operarios de auxiliares (maioritariamente do naval)– acerca de que se acordou que a indemnización de contratos eventuais se pague ao finalizar o contrato e non mes a mes, como ata agora, Mallón trasladou o seu “desacordo” con estes comentarios e defendeu que o convenio busca “modernizar” e “para nada restar dereitos aos traballadores”.

Ademais, engadiu que rexeita “de plano as mentiras, como dicir que os eventuais saian prexudicados” co novo convenio. “Non valen falacias ou medias verdades, a CIG simplemente decidiu non asinar”, recalcou Mallón., que incidiu en que se o sindicato coñece dalgún incumprimento denuncie ou llo comunique á patronal. “Hai que ter compromiso co sector, e iso demóstrase asinando”, selou.

O responsable de Industria de CC.OO., Celso Carneiro, considerou que este é “o mellor convenio posible dada a situación actual”, marcada pola pandemia. Nesta liña, incidiu en que “non ter convenio non é unha solución”. Pola súa banda, o portavoz de Industria de UGT, Rubén Pérez, mantivo que este convenio está “centrado en actualizar aspectos económicos que levan vixentes desde xaneiro de 2019” e busca ser “un pulo, un avance importante, nos tempos” actuais. “A solución non é estar sen convenio colectivo”, coincidiu con Carneiro.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...