O sindicato CIG anunciou este mércores unha campaña de mobilizacións pola situación “límite” do sector naval e urxiu a intervención pública para evitar a “desaparición” desta industria, “estratéxica” para a comarca de Vigo e para Galicia.
Así o trasladou o secretario comarcal da central nacionalista, Alberto Gonçalves, quen confirmou que se iniciarán de inmediato as reunións con delegados e as asembleas nos centros de traballo, e que culminarán cunha manifestación a mediados de maio. “Isto será o principio”, advertiu, á vez que alertou de que a falta de políticas industriais da Xunta e a actitude do goberno central “mirando a outro lado” provocará a “desertización industrial” da comarca.
Segundo sinalou Gonçalves, esta crise concrétase na situación dos máis importantes estaleiros da ría de Vigo. Así, lamentou que “estamos a asistir en directo” ao naufraxio de Vulcano, que está “nun canellón sen saída”, e á “gravísima situación de Barreiras”, que está sen carga de traballo “despois dos fracasos de Pemex e Ritz Carlton”.
“Temos que romper esta espiral de fracasos e promesas incumpridas”, proclamou, e instou á Administración do Estado a intervir en Barreiras, como fixeron outros países europeos cos seus estaleiros. Así mesmo, reclamou á Xunta que asuma as súas competencias en materia de industria e censurou tamén o “silencio clamoroso” do Concello de Vigo ante a crise do sector.
RECONVERSIÓN ENCUBERTA
Pola súa banda, o responsable do Naval no sindicato, César Rodríguez, advertiu de que a actual situación do sector é mostra de que se está producindo unha “reconversión encuberta” e sinalou que a comarca de Vigo “está a xogarse o seu futuro” porque o peche de estaleiros como Vulcano ou a liquidación de Barreiras, que “cada vez está máis preto”, suporá perder unhas capacidades “moi difíciles de recuperar”. “Non se implanta unha industria de construción naval dun día para outro”, aseverou.
CONVENIO DO METAL
Por outra banda, e a preguntas dos medios, o secretario comarcal de Industria da CIG, Xulio Fernández, referiuse ao preacordo alcanzado nas últimas horas entre CC.OO. e UXT e a patronal para o convenio provincial do Metal, e do que se desmarcou o sindicato nacionalista.
Segundo volveu a incidir, ese acordo supuxo renunciar a cuestións que se fixaron como “liñas vermellas” e profundará na precariedade dos traballadores, especialmente dos eventuais. Así mesmo, lamentou o cambio de posición do resto de centrais, que ata unhas horas antes apoiaban a convocatoria de folga para este xoves.