O equipo de ‘asesores COVID’ posto en marcha pola Federación Provincial de Hostalaría, financiado polo Concello de Vigo, constatou o maioritario cumprimento das normas sanitarias neste sector, segundo o balance que fixo público o alcalde da cidade, Abel Caballero.
Así, o rexedor explicou que, entre o 5 e o 11 de abril, este equipo de asesores visitaron 405 locais (un terzo deles por primeira vez), que empregan a case 1.200 persoas, aínda que un 10 por cento dos traballadores seguen en ERTE.
Deses locais, explicou Caballero, “só un 10,8 por cento tiñan algún fallo significativo” e, entre os que cumprían a normativa, o 60 por cento facíao “ben ou moi ben”. Por contra, unicamente un 4 por cento “tiñan algún fallo grave ou non colaboraron”.
O alcalde tamén explicou que os índices de cumprimento en cuestións como hixiene e desinfección, distancias adecuadas no interior e exterior dos locais, a ventilación, ou o uso correcto das máscaras entre traballadores están a ser moi elevados (de máis do 90 por cento).
INCUMPRIMENTOS
Unicamente, precisou, rexístrase un descenso no uso correcto de máscara por parte dos clientes no exterior dos establecementos, aínda que igualmente o cumprimento é do 80 por cento.
Por outra banda, segundo o informe dos ‘asesores COVID’, “os principais defectos que teñen os clientes” son as aglomeracións, o uso incorrecto da máscara ou o incumprimento dos protocolos á hora de fumar. “Os hostaleiros vense impotentes, porque non son policías, recoñeceu Caballero, quen prometeu intensificar o labor de vixilancia da Policía.
Finalmente, destacou que, fronte á gran maioría do sector que cumpre a normativa, hai unha minoría que non o fai, e que son os propios hostaleiros os que se queixan deses incumprimentos de colegas seus, porque “pagan xustos por pecadores”.