InicioEconomíaPancarta xigante en Tomiño contra as graves perdas económicas ocasionadas polo peche...

Pancarta xigante en Tomiño contra as graves perdas económicas ocasionadas polo peche de fronteiras

Alcaldes e alcaldesas galegas e portuguesas protestaron de novo hoxe –por separado ao impedir a GNR e a Garda Civil un acto simbólico conxunto- para criticar o maltrato de Madrid e Lisboa.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ no medio da ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.

O vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez destacou que se trata dun “berro de axuda” tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palien o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o deputado provincial.

Benítez puxo cifras e lembrou que as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén destacou que, segundo o estudo de impacto elaborado pola UVigo (presentado o pasaro venres), a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

O nacionalista destacou que nestes momentos está aberto o debate do cadro comunitario dos fondos transfronteirizos do POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre “ é compensar ao territorio polo perxuizo económico de decisións políticas dos Estados”. “Este é un momento axeitado, hai que habilitar partidas específicas para territorios directamente de fronteira nos que o perxuizo económico foi maior, garantindo que os fondos se destinan ás zonas de raia e non se deturpen”, dixo, criticando que nestes momentos case toda Galicia e todo Portugal menos a zona de Lisboa teña dereito a acceder a eses fondos a pesares de non estar na ‘raia’.

PERDA ECONÓMICA

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, censurou a negativa de poñer controis nos pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario. Lembrou que iso obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença. “Persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación”, dixo.

Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço. Nesta ocasión non foi posible desenvolver o acto simbólido de maneira conxunta por impedimento expreso da GNR e da Guarda Civil, que non autorizaron á comitiva galega e á portuguesa a xuntarse no medio da Ponte da Amizade: cada parte escenificou a queixa do seu lado. “Esta ponte chámase da Amizade, moi simbólico, pero agora esa amizade está rota non por vontade dos seus veciños e veciñas, senón das autoridades”, criticou a alcaldesa de Tomiño.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...