O sector conserveiro español cualificou como “risco controlado” o posible impacto da crise do coronavirus na súa actividade, e asegurou que ten o “abastecemento de materia prima cuberto para 6 meses”.
Así o trasladou en rolda de prensa o secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), Juan Manuel Vieites, quen lembrou que esta organización destaca polos seus altos estándares de calidade no control e rastrexabilidade dos produtos, con laboratorios e grupos investigadores de referencia. “O sector está nun risco controlado. Outra cousa é a incerteza do que poida pasar despois do verán”, apostilou.
Segundo sinalou Vieites, a industria conserveira ten “asegurado” o abastecemento de materia prima para o próximo medio ano pero, en todo caso, expresou a súa esperanza de que “para xuño baixase todo isto”. “Se a cousa se alonga, haberá que adoptar outras estratexias que, por suposto, xa estamos a estudar”, engadiu.
Con respecto ao impacto desta crise nas exportacións, o secretario xeral de Anfaco sinalou que case o 90 por cento das vendas do sector prodúcense no mercado europeo, polo que a incerteza en Asia apenas afecta a estas operacións.
No caso de Italia, principal destino das conservas dentro da UE, Juan Manuel Vieites admitiu que “é preocupante” a repercusión da crise do coronavirus, especialmente se hai dificultades de loxística. “Pero imos esperar que isto se resolva no menor tempo posible”, remarcou.
BALANCE DE 2019
Vieites fixo estas consideracións nun encontro con medios de comunicación no que trasladou os datos do sector en 2019, un exercicio que se pechou con 10.900 millóns de euros en facturación e máis de 26.000 empregos directos (o 60 por cento en Galicia, onde o número de traballadores creceu un 6,6 por cento).
Con respecto aos datos económicos, o sector gozou de estabilidade o pasado ano, cun discreto incremento (do 0,3 por cento) no valor dos produtos, e un descenso tamén moi lixeiro (do 0,4 por cento) no volume de produción