InicioEconomíaAbsolta a cúpula de Caixanova polo 'pelotazo' inmobiliario en Rivas Vaciamadrid

Absolta a cúpula de Caixanova polo ‘pelotazo’ inmobiliario en Rivas Vaciamadrid

A Audiencia Nacional considera que cumpriron coa "función que lles era propia no cargo que ostentaban" e que non actuaron "co propósito de causar un dano económico" á entidade cunha operación que xerou un prexuízo de 41,8 millóns de euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Audiencia Nacional absolveu o expresidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso e a outros tres membros da antiga cúpula da entidade no caso pola errada operación inmobiliaria en Rivas Vaciamadrid (Madrid), a cal xerou un prexuízo de 41,8 millóns de euros.

Na súa sentenza, coñecida este xoves, a sección cuarta da sala do penal entende que todos os acusados, entre os que tamén estaba o exdirector xeral José Luis Pego, o seu adxunto, Gregorio Gorriarán, e o exdirector da división de planificación financeira Domingo González Mera, cumpriron coa “función que lles era propia no cargo que ostentaban”.

Así mesmo, considera que ningún deles “se  prevaleu da súa posición na entidade” en prexuízo desta, senón que “se limitaron a dar ao expediente o leito previsto”, buscando “en todo caso a mellor solución e a menor perda posible para Caixanova”.

A de Rivas é unha das sete operacións sospeitosas que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria ( FROB) remitiu á Fiscalía Anticorrupción, que solicitaba para os acusados catro anos de prisión por unha “administración desleal de libro” nun proxecto do que o consello de administración da caixa, sostiña o escrito, non recibiu “toda a información”.

Na súa resolución, os maxistrados destacan que as decisións adoptadas no seo da caixa de aforros “non só eran colexiadas, senón unánimes”, sen que ningún dos que participaban nelas recibise a menor presión ou influencia en sentido algún.

A medida que a operación inmobiliaria debía ser modificada ou  refinanciada, o departamento ou área involucrada, tras analizalo e solicitar a información necesaria, emitía un informe non vinculante que despois puido ser seguido, ou non, no elo seguinte da cadea.

Varias das testemuñas que declararon no plenario, sinala a sentenza, constataron que era imposible pasar ao chanzo seguinte se previamente faltaba algún requisito.

Resulta tamén evidente que a operación resultaba de interese para Caixanova, dentro da súa política de expansión no ámbito dos préstamos hipotecarios, no que Rivas contaba cun dos índices de crecemento máis altos de Europa.

Non existe por todo iso constancia de que os acusados “nin de forma illada nin actuando de común acordo, seguindo un plan preconcibido e con abuso das súas funcións actuasen co propósito de causar un dano económico” á entidade, razón pola que descarta a existencia do delito de administración desleal que pretendía a Fiscalía.

Á marxe desta causa, Gayoso, Gorriarán e Pego están procesados ademais por delito  societario e branqueo na concesión dun préstamo a unha sociedade vinculada que xerou un prexuízo de 80 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Sanidade garante a atención aos usuarios de Povisa e abre unha investigación polas denuncias de falta de médicos

A Consellería de Sanidade reiterou este venres que os usuarios do hospital vigués Hospital...

Falece Susi Seoane, referente galega na loita contra a ELA, aos 55 anos

Galicia enteira chora a morte de Susi Seoane Lema, viguesa de 55 anos e...

O Goberno inicia en Vigo a construción dunha planta de fotónica vinculada á Universidade de Vigo

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, participou este...

Casco Vello de Vigo prevé máis vivendas coa rehabilitación dun novo edificio na rúa Real

O Consorcio Casco Vello de Vigo informou dos novos proxectos que pretende levar a...