InicioEconomíaOs bombeiros de Vigo informarán aos cidadáns da súa precariedade e poñen...

Os bombeiros de Vigo informarán aos cidadáns da súa precariedade e poñen como exemplo a seguir A Coruña

Denuncian a imposición de horas extras "por decreto" e piden chegar a 120 funcionarios para garantir a calidade do servizo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os bombeiros de Vigo iniciarán unha campaña informativa para trasladar aos cidadáns “a situación real” do servizo, no que a falta de persoal levou a que non se cubran os efectivos mínimos, a que haxa funcionarios de baixa, situacións de “tensións e ansiedade”, e imposición de horas extra “por decreto”.

Así o manifestaron os delegados de CIG e CUT, que explicaron que o persoal actual de bombeiros, que é de 120 efectivos “teóricos”, dispón dun cento de funcionarios operativosn (polas baixas e comisións de servizo), cando Vigo necesitaría “polo menos 150 bombeiros” para que houbese garantías de “seguridade e profesionalidade”.

Miguel Ucles, delegado da CIG, avanzou que informarán os cidadáns da situación, porque “os vigueses deben pedir aos candidatos que se presentan ás municipais o parque de bombeiros que queren”. Ademais desta campaña informativa, sinalou, haberá “accións sorpresa” para denunciar a situación.

Pola súa banda, David Mosquera, da CUT, lamentou que a falta de persoal desembocou na “imposición” de horas extras, que cifra en 37.500 horas anuais (con xornadas que suman 60 horas semanais), pagadas a un “prezo irrisorio”, e que custan ao contribuínte máis de medio millón de euros. “Mentres se nos explota laboralmente, o Concello mira para outro lado, porque lle sae máis barato pagar esas horas que apostar por novas incorporacións”, criticou.

XUBILACIÓNS QUE NON SE CUBRIRÁN

Ademais, este delegado sindical advertiu de que a situación empeorará no verán, cando os bombeiros teñen que asumir outras actividades, como o rescate subacuático (de feito o grupo subacuático non está operativo por non ter capacidade para facer as prácticas) ou a retirada de niños de vespa velutina.

A iso súmanse os problemas propios dun persoal “envellecido”, a “falta dunha cadea estrutural de mando”, ou o feito de que, nos próximos anos, xubilaranse uns 20 efectivos máis sen que haxa visos de que se reporán todas as prazas.

Segundo explicaron Ucles e Mosquera, os 12 novos bombeiros que debían incorporarse tras a última oposición aínda están en período de formación e non entraron no servizo, “e tampouco hai garantías totais de que vaian entrar porque as bases da OPE están denunciadas e igual hai que repetir a convocatoria”. Mentres, está “bloqueada” a negociación para convocar a oposición de 2019.

Por todo iso, os bombeiros esixiron ao Concello que “sente a negociar” e garanta que se cubran as prazas do servizo “canto antes”, porque “a seguridade dos vigueses non pode esperar”. Tamén reclamaron que se reformule a súa categoría laboral, para que sexan considerados grupo C1, tras a asunción de novas competencias e actividades.

Este xoves, no Parque Municipal de Bombeiros de Teis, un grupo de efectivos realizou unha concentración, na que tamén participou un representante da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, que puxo como exemplo o funcionamento do servizo na Coruña, onde o persoal se incrementou, así como a súa consideración profesional.

Protesta dos bombeiros de Vigo / Miguel Núñez.

ÚLTIMAS

Vigo esixe á Xunta compensacións xustas para máis de 400 propietarios afectados polos plans de vivenda

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns por unanimidade unha moción do...

Atopan case 50 garrafas de gasóleo e gasolina flotando na ría de Vigo

Un pesqueiro que navegaba na madrugada deste luns pola ría de Vigo avistou 49...

Policías, dúas enfermeiras e unha médico fóra de servizo salvan a vida a un home en parada cardiorrespiratoria nunha rúa de Vigo

Dos axentes da Policía Nacional fóra de servizo interviñeron o pasado 20 de outubro...

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...