Decenas de traballadores de Alten, empresa auxiliar do sector automobilístico que presta servizo en BorgWarner, mobilizáronse este venres ás portas da fábrica viguesa desta compañía. A protesta ten como obxectivo denunciar os despedimentos sufridos nos últimos meses e o que a CIG cualifica como unha “campaña de ameazas” para que os empregados retiren as súas reclamacións xudiciais.
O conflito ten a súa orixe no ano 2024, cando a Inspección de Traballo visitou as instalacións de BorgWarner en Porto do Molle (Nigrán) e resolveu que existía unha cesión ilegal de traballadores, impoñendo unha sanción a Alten. Tras esta resolución, os afectados interpuxeron demandas para que se recoñecese a súa condición de persoal fixo na empresa principal.
Segundo denuncia o sindicato nacionalista, a subcontrata está a exercer presións e coaccións para que os traballadores desistan das súas demandas. A central sindical sinala que os despedimentos executados son unha represalia directa por estas reclamacións e confirmou que xa foron recorridos na vía xudicial para protexer os dereitos do persoal afectado.
