O director da planta de Vigo do grupo automobilístico Stellantis, José Luís Alonso Mosquera, puxo o foco na importancia das enerxías renovables para reducir a pegada de carbono da compañía e os seus custos: “A man de obra e a enerxía supoñen o 70 % do custo de produción dun vehículo”. Así o sinalou este mércores na “posta de longo” da maior planta solar fotovoltaica sobre cuberta de España destinada ao autoconsumo que se instalou sobre as naves da factoría viguesa.
Tras máis dun ano de instalación, os 33.000 paneis solares, que abarcan unha superficie de 170.000 metros cadrados (equivalente a 24 campos de fútbol), xa comezaron a operar, fornecendo o 15 % da enerxía eléctrica consumida por Stellantis Vigo. Cun investimento de máis de 12 millóns de euros, Prosolia Energy foi a empresa encargada de construír a central, que evitará a emisión de máis de 9.000 toneladas de dióxido de carbono (CO2) ao ano, comparable á plantación dunhas 600.000 árbores.
Respecto diso, nun acto levado a cabo esta mañá nas instalacións de Stellantis, Alonso Mosquera destacou a aposta do grupo polas enerxías renovables, facendo fincapé en que Galicia e España poden ter unha vantaxe competitiva grazas a elas. O directivo insistiu en que o custo enerxético sempre foi un elemento de “competitividade negativo” para o país, pero agora España conta cunha “oportunidade”, xa que ten “sol, vento e mar”, polo que hai que pór o foco, ao seu xuízo, no desenvolvemento das renovables.
Despois de falar dos obxectivos de redución de CO2 de Stellantis, que prevé ser neutra en carbono en 2038, José Luís Alonso Mosquera asegurou que a empresa estuda a instalación doutra planta fotovoltaica no Porto de Bouzas, que xeraría outro 15 % do seu consumo eléctrico, así como acumular en baterías enerxía sobrante para gastala nos momentos que necesite, aforrando outro 5 %. A pesar de todo, dixo na súa intervención, xa que non atendeu aos medios de comunicación ao final do acto, que estas instalacións supoñen un “investimento enorme”, polo que reiterou a necesidade de “mecanismos” e “axudas” por parte das Administracións para que sexan “rendibles”.
Antes, o director de Servizos Técnicos e de Pintura de Stellantis Vigo, Pablo López, centrouse nas diferentes iniciativas postas en marcha por Stellantis para tratar de reducir o seu consumo enerxético, como a recente mellora do seu proceso de pintura, que reduce un 25 % as súas emisións de CO2. Precisamente desde o 2019 ata a actualidade, a firma conseguiu diminuír as súas emisións por vehículo nun 25 %. Entre outras cousas, Pablo López foi preguntado pola chegada da moi alta tensión á planta, tras ser anunciada fai xa case un ano polo Goberno. El dixo que “por fin parece que vai chegar”, pero aínda “fai falta que se adxudique”.