O Pleno do Concello de Vigo aprobou inicialmente este xoves os orzamentos municipais para 2025, que ascenden a máis de 334 millóns de euros, dos case 48 millóns están destinados a investimentos. O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, foi o encargado de defender as contas, e asegurou, un ano máis, que o orzamento deseñado é o que necesita a cidade para seguir “sendo a mellor o mundo” e para garantir o funcionamento dos servizos públicos. “É o orzamento máis alto da historia da cidade, e significa estabilidade, impulso, crecemento”, recalcou, antes de incidir na situación de “solvencia financeira” da administración municipal, con “débeda cera”, unhas “contas saneadas” e coa menor presión fiscal de Galicia.
O edil socialista tamén repasou as partidas destinadas a política social, deportes, educación, cultura ou emprego, e proclamou que “a cidade quere estes orzamentos”. Ademais, xustificou o rexeitamento á emenda total do PP e ás emendas do BNG. Segundo afirmou, a pretensión do grupo municipal ‘popular’ suporía deixar a cidade sen orzamentos; mentres que cualificou de “pura mercadotecnia” as 152 emendas do BNG, que propón actuacións “sen cobertura orzamentaria” ou recortes en programas como as bolsas de inglés ou a campaña do Nadal, mentres pide iniciativas “que a cidade dixo que non había que facer”, como o programa Súbete ao Castro.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
A concelleira do PP, Patricia García, criticou que o goberno local suba os impostos un 4 % para o ano que vén e tamén a inejecución das contas, lembrando que, a mes de setembro deste ano, o grao de execución era do 45 %, “un cumprimento orzamentario mediocre”. Ademais, apuntou que, dos investimentos previstos nas contas do ano que vén, uns 26 millóns de euros correspóndense a actuacións “que xa estaban nos orzamentos de 2024”, ademais de que boa parte da partida de investimentos son fondos que pon “outras administracións”.
Mentres, o BNG defendeu as súas 152 emendas para aumentar a dotación para áreas como Política Social, Emprego ou transformación de barrios e parroquias. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que, un ano máis, o goberno de Abel Caballero elaborou os orzamentos de forma “unilateral”, sen “escoitar” á cidade. Igualmente censurou a falta de execución orzamentaria que, en 2023, ascendeu a 115 millóns e este ano, podería chegar aos 150 millóns. Ao seu xuízo, as contas presentadas este xoves ao Pleno, reflicten “a fatiga dun goberno consumido pola inercia e a falta de proxecto”, que desatende as “necesidades reais” dos cidadáns.
INTERVENCIÓN DO ALCALDE
Antes da votación, o rexedor olívico interveu na sesión plenaria para defender as contas de 2025 e a xestión do seu goberno municipal, e fixo un repaso dos logros alcanzados desde que el chegou á alcaldía. Caballero aproveitou tamén para volver denunciar a falta de atención da Xunta á cidade de Vigo e para arremeter contra os grupos da oposición, a quen lembrou unha vez máis a gran vantaxe coa que o PSOE gaña as eleccións municipais na cidade. Finalmente, só o grupo socialista votou a favor dos orzamentos municipais de 2025, mentres que PP e BNG votaron en contra.