InicioEconomíaAsí serán os orzamentos de Vigo para 2025, primeira cidade galega en...

Así serán os orzamentos de Vigo para 2025, primeira cidade galega en aprobalos

"Vigo é a cidade con mellores finanzas de España", asegurou Abel Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A xunta de goberno de Vigo aprobou este venres un orzamento “marca” para 2025, con máis de 334,6 millóns de euros, o que supón un 5,3 % máis que o ano pasado. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, nun audio difundido aos medios de comunicación, onde reivindicou que Vigo é a primeira cidade galega en aprobar as súas contas de 2025, sendo o 18º orzamento consecutivo “en tempo e forma”, “en consonancia coa etapa de estabilidade política que vive a cidade desde 2007″.

Segundo el, trátanse dunhas contas para “impulsar a economía”, nun contexto no que é necesario utilizar o gasto público “para seguir impulsando o crecemento económico e a marcha da cidade”. “Caracterízanse pola solvencia económica”, engadiu Caballero, ao ter a urbe “débeda cero” e un prazo medio de pago a provedores de 8,5 días. Os investimentos alcanzarán os 44,6 millóns de euros, un 16 % máis que en 2024, ao que habería que engadir máis de 3,3 millóns de subvencións de capital para transformar a cidade. O rexedor tamén falou doutras partidas que “impulsan a economía”, como as políticas de fomento de emprego ou a potenciación do sector servizos. En concreto, Emprego, con 5,2 millóns; Turismo, con 3,5 millóns, e Festas, con 5,2 millóns, crecen respecto de 2024.

“Trátase dun orzamento eminentemente social, orientado a cubrir as necesidades das persoas. No capítulo de Servizos Sociais e promoción social a cifra elévase ata os 25,5 millóns de euros, incluíndo a partida de Igualdade e a xestión de Cedro. En materia de educación, falamos dun orzamento estable de 18,1 millóns de euros; en Cultura, con 18,5 millóns de euros, o incremento é de 1,5 millóns máis que o ano pasado (+8 %), e Deportes, con case 19 millóns de euros, experimenta un crecemento de 995.659 euros, un 5,2 % máis”, destacou.

Caballero defendeu estas contas como “redistributivas”, ao crecer nun 5,35 % o importe das subvencións, ata máis de 34,8 millóns, representando un 10,4 % do gasto total. Entre outras partidas, para seguridade e mobilidade cidadá irán parar 45,2 millóns, mentres que para Benestar serán outros 63,4 millóns, incluíndo educación, deporte, igualdade e benestar social. Medio Ambiente terá 17,4 millóns.

INVESTIMENTOS

No apartado de investimentos, a maior partida irá parar á bancada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, con 13 millóns de euros. Pola súa banda, para a reforma da Avenida de Madrid serán 9,15 millóns. Outras actuacións destacadas son aquelas do programa Vigo Vertical, como as ramplas mecánicas de Pintor Colmeiro e Pintor Lugrís. Tamén as do Paseo Granada e o ascensor entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. O Concello reserva case un millón de euros para a construción de vivendas de aluguer social na rúa Esturáns e outro millón para dotacións e equipamentos dos Bombeiros.

Pola súa banda, a Biblioteca Teis conta cun orzamento de 900.000 euros. No mesmo barrio remodelarase o mercado con 600.000 euros e coa mesma cantidade iniciarase a construción da nova piscina de Teis. O parque Leira Matías ten un orzamento de 785.000 euros. Haberá un novo parque xunto á rúa Palencia, na praza Fernando Elorrieta Rey, cun orzamento de 765.000 euros. Mellorarase o parque do Navia por case medio millón de euros e construirase o novo parque do Berbés por máis de medio millón, segundo apuntou Caballero. Unha parte de 300.000 euros se reserva para parques biosaludables e infantís. Segundo o alcalde, construiranse parques para cans na cidade.

Ademais, a humanización de San Roque e Ruiseñor suporá un investimento de 700.000 euros. A humanización de Cesáreo Vázquez e un plan de humanización de barrios con novas beirarrúas custará uns 400.000 euros. O túnel de Porta do Sol aparece no documento orzamentario cunha partida de 100.000 euros para iniciar as obras e conectar Policarpo Sanz con Torrecedeira. “Este é máis ou menos o modelo de orzamento”, afirmou o alcalde, quen subliñou a importancia da “estabilidade política” e que “Vigo é a cidade con mellores finanzas de España”.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...