InicioEconomíaExpertos e empresas piden nun simposio celebrado en Vigo "un pacto de...

Expertos e empresas piden nun simposio celebrado en Vigo “un pacto de país” para non perder as oportunidades da transición enerxética

Expertos e representantes de empresas e traballadores avogaron por "un pacto de país" para non perder as oportunidades que supón a transición enerxética, e lembraron que este proceso non ten marcha atrás e o futuro da industria e das propias empresas depende dela.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Expertos e representantes de empresas e traballadores avogaron por “un pacto de país” para non perder as oportunidades que supón a transición enerxética, e lembraron que este proceso non ten marcha atrás e o futuro da industria e das propias empresas depende dela. Así o trasladaron nas últimas horas, na V edición do Seminario Spertus: ‘Transición enerxética e competitividade industrial’, que se celebrou na Universidade de Vigo.

Na xornada, organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co INEGA e a Universidade de Vigo, participaron algunhas das principais institucións e empresas especializadas nos sectores da enerxía e os recursos naturais minerais en España e Portugal. Nas distintas mesas redondas, abordáronse asuntos como a seguridade enerxética e de defensa, a mobilidade e o impacto social, así como as cuestións científicas e tecnolóxicas asociadas á transición enerxética, entendida como a gran transformación das fontes e infraestruturas enerxéticas actuais para substituílas por fontes e redes enerxéticas estables que contribúan á descarbonización.

Os participantes apuntaron que este proceso non consiste só en descarbonizar, senón tamén en conseguir, a nivel europeo, a “independencia enerxética”. Isto suporá un importante reequilibrio da actual arquitectura da Unión Europea transformará aos países do sur, concretamente á península ibérica, nun importante centro enerxético do continente. Igualmente, prestouse especial atención á necesidade de que Europa incremente a exploración e sexa autosuficiente en materias primas críticas para non depender de terceiros e garantir que se cumpren os dereitos sociais na súa extracción.

Na última das mesas de debate participaron o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites; o secretario xeral de CC.OO. de Industria de Galicia, Víctor Ledo; o secretario xeral de UGT FICA, Javier Carrero; e o secretario nacional de CIG Industria, Xoan Xosé Bouzas. Traballadores e empresarios galegos coincidiron en sinalar a necesidade dun pacto de estado que dea estabilidade, e así afrontar os retos dunha transición enerxética sen volta atrás, para non perder as oportunidades que esta xera, e iso á marxe de ideoloxías. Tanto Vieites como Carrero sinalaron que este é o “momento óptimo” porque hai recursos naturais, tecnolóxicos e humanos para facer realidade os proxectos que xa están “encima da mesa”.

Todos puxeron de relevo a conveniencia da independencia enerxética e a soberanía industrial. Así, Víctor Ledo chamou a atención sobre a necesidade de pechar os círculos produtivos nos sectores económicos con peso en Galicia: o do automóbil, o siderúrxico, o téxtil, ou o naval. Pola súa banda, Vieites puxo o foco na importancia da seguridade xurídica, porque “o empresario quere seguridade xurídica” e córrese “o risco de que os investidores se vaian a outro lado”. Tanto Vieites como Carrero, trasladaron o medo das empresas á xudicialización dos proxectos que se está vivindo, por exemplo, no sector eólico. Spertus é unha plataforma de debate e reflexión, formada por prestixiosos científicos e tecnólogos do sector enerxético e das materias primas, que pretende exercer como polo estratéxico de coñecemento ante un dos grandes desafíos do mundo actual: a transición enerxética.

ÚLTIMAS

O BNG de Vigo esixe o fin da “batalla de egos” entre Xunta e Concello que bloquea a recuperación da ETEA

O BNG de Vigo volveu instar este mércores á Xunta de Galicia e ao...

O PP de Vigo denuncia un pago de 1,1 millóns a DomusVi polo servizo de Axuda no Fogar “sen contrato”

O PP de Vigo denunciou que o Concello terá que pagar 1,1 millóns de...

Caballero crítico co borrador da lei de administración local: “Home, o primeiro é o alcalde de Vigo’

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afeou á Xunta que non se lle solicitase...

A Universidade de Vigo impulsa a dixitalización da acuicultura atlántica

Investigadores do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participan no proxecto...