A Universidade de Vigo quere sacar a ciencia dos laboratorios e levala á rúa cunha nova edición do seu plan de divulgación, que chega con dúas propostas destacadas: un “speed dating” científico para conectar investigadores e público e un “divulgathon” centrado nos incendios forestais. A sexta edición de “Ciencia de ida e volta” desenvolverase durante nove meses, entre outubro de 2026 e xuño de 2027, cun orzamento superior aos 100.000 euros, dos que 30.000 proceden da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), co financiamento da FECYT e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o programa combinará actividades xa consolidadas con novas iniciativas para achegar a investigación á sociedade.
A CIENCIA EN CITAS RÁPIDAS
Unha das principais novidades será un “speed dating” científico no que investigadores de distintas áreas presentarán os seus proxectos ao público. As persoas asistentes poderán escoller tanto a investigación coa que máis conecten, o chamado “match científico”, como a persoa investigadora que mellor consiga captar a súa atención, o “match divulgativo”. A iniciativa pretende poñer a proba a capacidade do persoal investigador para explicar o seu traballo de forma clara, atractiva e comprensible, máis alá dos círculos académicos.
A outra gran aposta será o “divulgathon Lume e Vida“, un foro de debate arredor dos incendios forestais que se celebrará coincidindo co Día Internacional da Terra. A proposta reunirá persoas afectadas polos lumes, como veciños, brigadistas e colectivos locais, con especialistas da UVigo en ecoloxía, enxeñaría forestal, socioloxía e comunicación.
O obxectivo será compartir experiencias e coñecementos sobre a prevención dos incendios e a recuperación dos ecosistemas, conectando a investigación universitaria coa realidade das comunidades afectadas. A programación incluirá tamén intercambios científicos con alumnado de secundaria, roteiros polos cinco laboratorios vivos do proxecto europeo LivingSoiLL, centrado na saúde dos solos, e un paseo arqueolóxico polas illas Ons, con visitas ás escavacións do Grupo de Estudos Arqueolóxicos e Antropolóxicos (GEAAT) da universidade.
FORMACIÓN PARA COMUNICAR MELLOR A CIENCIA
As actividades arrancarán o 28 de outubro coa formación en liña “Comunica a túa ciencia”, estruturada en cinco módulos de dúas horas para mellorar as competencias de comunicación científica. As sesións poderán seguirse en modalidade síncrona ou asíncrona e estarán abertas tanto á comunidade universitaria como ao público externo.
A primeira sesión, “Comunicar para conectar: mensaxe, corpo e voz”, abordará a construción da mensaxe, o uso de recursos narrativos e a adaptación dos contidos a distintos públicos. Tamén traballará a expresión corporal, a presenza escénica e as técnicas vocais. A formación correrá a cargo de Lara Capeáns, profesional da comunicación audiovisual con experiencia na realización e edición de videoclips e documentais premiados internacionalmente.
Cada sesión contará con 90 prazas e a inscrición realizarase a través dos formularios habilitados na Secretaría en liña da universidade, que se irán abrindo progresivamente.
MÁIS CIENCIA EN GALEGO E MENOS ESTEREOTIPOS
O Día da Ciencia en Galego, que se conmemora o 4 de novembro, volverá ter protagonismo no programa. A terceira edición desta iniciativa dentro do plan incluirá un novo volume da “Escolma de termos” científicos, con vocabulario das matemáticas, a astronomía e a botánica. A publicación dá continuidade ao traballo iniciado en 2024 para ampliar e consolidar a terminoloxía científico-técnica en galego, tanto na universidade como nos centros educativos.
A programación tamén incorporará actividades polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o 11 de febreiro, coas xornadas “Elas Fan CienTec” e “Rachando Estereotipos”. Ademais, retomarase o “Minicionario de Xustiza Social”, un proxecto iniciado en 2024 coa colaboración de investigadores da Facultade de Educación e Traballo Social, para actualizar os seus contidos e adaptalos a novas perspectivas e datos.
Entre as novidades figura tamén a dixitalización dos catálogos das seis edicións de “Quero ser investigadora”, xunto cos materiais didácticos complementarios e as versións en lectura fácil e audiolibro. O programa reservará espazo para actividades interxeracionais, con obradoiros de estimulación física e cognitiva destinados tanto a alumnado de educación infantil como a persoas maiores usuarias de residencias e centros de día, arredor do Día Mundial da Saúde.
En maio está prevista a feira-exposición “A ciencia que vén”, con obradoiros e demostracións abertas á cidadanía a cargo de grupos de investigación da UVigo. A programación pecharase en xuño co programa “Embaixadoras e embaixadores da Ciencia e do Coñecemento”, que contará coa colaboración do alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM). A iniciativa busca, en definitiva, reforzar os vínculos entre universidade e sociedade cunha combinación de formación, participación cidadá e divulgación, e levar o coñecemento científico a públicos diversos en distintos puntos do país.
