InicioEconomíaO Concello anuncia axudas a propietarios para pór en aluguer 13.000 vivendas...

O Concello anuncia axudas a propietarios para pór en aluguer 13.000 vivendas baleiras a prezos “alcanzables”

Subvencionará a fondo perdido o 50 % das obras que sexan necesarias para sacar en aluguer os pisos, ata un máximo de 8.000 euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Concello de Vigo anunciou a posta en marcha dun programa de axudas a propietarios de vivendas baleiras na cidade para que as poñan en aluguer a prezos “alcanzables”. Nun audio difundido aos medios de comunicación, o alcalde, Abel Caballero, puxo en valor esta iniciativa, que pretende incentivar o aluguer de case 13.000 vivendas que na actualidade atópanse sen moradores, segundo cálculos do goberno local tendo en conta o consumo de auga dos fogares.

En concreto, esta “batería de medidas” inclúe axudas a persoas físicas que non dispoñan de máis de tres inmobles e cunha renda de menos de 70.000 euros ao ano, polo que as empresas non poderán acollerse ás mesmas. Cun orzamento de 150.000 euros para este ano, o obxectivo é que os propietarios poñan en aluguer polo menos durante cinco anos as súas vivendas a prezo “taxado”, para que os vigueses, sobre todo os máis novos, poidan acceder a un piso “alcanzable”, segundo reivindicou Caballero.

“Son axudas destinadas a pór no mercado a prezo taxado vivendas que neste momento os seus propietarios poden pensar que non están en condicións de ser alugadas”, engadiu o rexedor, indicando que o Concello subvencionará a fondo perdido o 50 % das obras que sexan necesarias para sacar en aluguer os pisos, ata un máximo de 8.000 euros.

Aquí inclúense traballos como o pintado, a reparación de cociñas, baños ou a mellora da instalación eléctrica, entre outras. Ademais, o goberno local pagará o 100 % do custo de emisión do certificado enerxético, cun máximo de 100 euros; ademais de que asumirá o 100 % do seguro de falta de pagamento e multirisco, cun máximo de 300 euros ao ano (1.500 euros nos cinco anos).

Tal como explicou Abel Caballero, as vivendas que poden optar a estas axudas son aquelas que estean baleiras, situadas en Vigo e cuxos propietarios non dispoñan de máis de tres inmobles. Ademais, nelas non pode haber ninguén empadroado desde seis meses antes de solicitar a subvención, mesmo período desde o cal non pode haber un contrato de aluguer no domicilio.

Ademais, os propietarios deberán estar ao corrente do pago das súas obrigacións tributarias co Concello e as vivendas terán que estar en aluguer con prezo taxado durante polo menos cinco anos. As axudas serán por concorrencia non competitiva. A pesar de lanzarse este ano, o alcalde recoñeceu que entre que se pon en marcha “vaise a ir” gran parte do exercicio.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...