O Ministerio de Consumo incoou por primeira vez un expediente sancionador a unha empresa organizadora de eventos e festivais en diversas partes de España por incluír como cláusula obrigatoria a prohibición expresa de entrada ao recinto do festival con comida ou bebida do exterior, segundo informou nunha nota de prensa o departamento.
Con todo, Consumo non precisou o nome da empresa organizadora do festival por “respectar a presunción de inocencia”, como sinalaron fontes do Ministerio a Europa Press. A decisión de Consumo chega días despois das denuncias presentadas por FACUA-Consumidores en Acción que denunciaron aos promotores do Reggaeton Beach Festival. A asociación, mediante un comunicado, adiantou que a empresa denunciada é DQG Norte AIE, organizadora deste espectáculo, que ten lugar en 11 cidades españolas, incluíndo este fin de semana Nigrán.
FACUA denunciou ao festival “por impor cláusulas abusivas que prexudican aos consumidores como restrinxir e impor cargos para recuperar o importe da pulseira cashless, cobrar polo reacceso ao recinto do evento ou limitar o acceso dos asistentes con comidas e bebidas do exterior”.
O Ministerio de Consumo tamén está a investigar estas prácticas denunciadas por FACUA, como a imposición dun sistema de pago mediante pulseiras cashless, non aceptando o diñeiro en efectivo. Ademais, a devolución e reeembolso da cantidade sobrante non se admite por baixo de 2 euros debido aos gastos de xestión que ascenden a 1,5 euros. Todas estas prácticas constituirían unha infracción ao ser consideradas cláusulas abusivas, advertiu Consumo nun comunicado.
O REGGAETON BEACH FESTIVAL NON TEN CONSTANCIA DO EXPEDIENTE
Con todo, a organización do Reggaeton Beach Festival asegurou que “ninguén da empresa” ten constancia da sanción que lles impuxo este mércores o Ministerio de Consumo, segundo indicou FACUA no seu comunicado.
As sancións previstas para estas infraccións poden chegar a considerarse como infraccións graves ou moi graves, e sancionarse con multas de entre 10.001 e 100.000 euros, no caso das graves, e entre 100.001 e 1.000.000 de euros, no caso das moi graves.
No caso de que o beneficio ilícito obtido polas prácticas infractoras superase ditas cantidades, as sancións que se impoñan poderían alcanzar ata entre catro e seis veces o beneficio ilícito obtido, para as infraccións graves, e entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido, no caso das moi graves, lembrou o Ministerio no seu comunicado.