InicioDeportesDetido un dos neonazis líderes de Ultras Sur por agresión a un...

Detido un dos neonazis líderes de Ultras Sur por agresión a un seareiro celtista

Formaba parte dos aproximadamente 120 ultras que causaron feridos e desfeitas nas inmediacións de Balaídos antes do último Celta-Real Madrid.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional detiveron un dos líderes máis destacados de Ultras Sur pola súa presunta participación na agresión dun afeccionado celeste na previa do partido de fútbol entre Celta de Vigo e Real Madrid, celebrado o pasado 2 de abril.

Segundo as investigacións realizadas, os axentes constataron que un grupo de ultras neonazis formado por aproximadamente 120 individuos se trasladou desde Madrid ata a cidade de Vigo co obxectivo de enfrontarse a seguidores celtistas antes da celebración do partido. Entre eles atopábase o arrestado, Antonio M., alcumado como ‘Niño skin’, segundo fontes da investigación.

O arresto prodúcese pola súa presunta participación en diferentes delitos de lesións, un deles agravado, e danos intencionados nun establecemento de hostalaría, segundo informou a Policía Nacional.

Como consecuencia dos altercados, ademais, 117 persoas foron propostas para sanción por vulnerar a Lei 19/2007, do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte. Estas sancións levarían unha multa de entre 3.000 e 6.000 Euros e/ou a prohibición de entrada a recintos deportivos de seis meses a un ano.

AGRESIÓN EN LOCAIS HOSTALEIROS

Para desprazarse a Vigo os ultras usaron vehículos particulares e de aluguer e, tras agruparse nos arredores do Estadio Municipal Abanca Balaídos, dirixíronse a dous locais de hostalaría frecuentados por afeccionados do equipo local.

Unha vez no lugar, un grupo composto por cinco agresores romperon o cristal da porta de entrada dun destes locais para, acto seguido, agredir a dous clientes con puñadas e patadas. A posterior investigación determinou que o detido, ademais de participar no altercado, sería o responsable de golpear a un dos afeccionados cunha botella de vidro na cabeza, provocándolle lesións graves polas que necesitou asistencia sanitaria.

A rápida intervención policial, grazas ao dispositivo de seguridade establecido con motivo do encontro e a previsión de posibles enfrontamentos entre as afeccións, evitou que se producisen máis altercados, segundo a Policía.

Os axentes lograron o control total dos agresores e procederon á súa identificación e á retirada das entradas para o acceso ao partido de fútbol. Tras iso foron acompañados ata as aforas da cidade.

INVESTIGACIÓN

De forma inmediata iniciáronse as xestións e comprobacións tendentes ao esclarecemento dos feitos e á identificación plena dos autores. Para iso iniciouse unha especial colaboración entre axentes especializados en radicalismos violentos e violencia no deporte da Brigada Local de Información da Comisaría de Vigo-Redondela e a Brigada Provincial de Información de Madrid, coordinados pola Comisaría Xeral de Información.

As xestións practicadas levaron finalmente á identificación do presunto autor, quen resultou ser un membro destacado do grupo neonazi Ultras Sur, coñecido polos investigadores por protagonizar feitos similares e que se erixía como líder do citado grupo. O pasado venres, e debido á presión policial ao ter coñecemento que estaba a ser buscado polos axentes, o investigado entregouse nunha dependencia policial de Madrid.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...