InicioDeportesO Pairo VIII do Real Club Náutico de Vigo, campión de España...

O Pairo VIII do Real Club Náutico de Vigo, campión de España no Trofeo Conde de Gondomar

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pairo VIII do Real Club Náutico de Vigo coroouse novo campión de España de Altura no Trofeo Conde de Gondomar, que se celebrou estes días nas rías galegas baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Banco Sabadell.

O veleiro, armado por José Luís Freire, capitaneado por Luís Bugallo e co ex Copa América Laureano Wizner como táctico, fíxose co título tras completar a etapa do Carrumeiro Chico, de case 100 millas de ida e volta entre Baiona e a ría de Corcubión, en 15 horas e 47 minutos.

Os vigueses conseguiron o título pese a non ser os máis rápidos en finalizar a proba, xa que o Yess de Rui Ramada, do Monte Real Club de Yates, foi o primeiro en cruzar a liña de chegada.

Fíxoo 20 minutos antes que o Pairo e 10 minutos antes que o Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canle, que trala compensación de tempos colocouse na cabeza da clase Storax ORC 1-2 e no máis alto da clasificación xeral do trofeo.

Na clase ORC 1-2, detrás do Aceites Abril e o Pairo VIII, ambos do Real Club Náutico de Vigo, colocouse o Siradella do Real Club Náutico de Portosín, patroneado por Francisco Gude; e na clase PSA Retail ORC 3, ocupan os postos do podio provisional o Oral Group Galimplant de Pedro Pazos (Real Club Náutico de Sanxenxo), o Gorilón de Emigdio Bedia (Real Club Marítimo de Santander) e o Marara 4 de Javier Montenegro (Club Marítimo Rías Baixas).

A proba desenvolveuse cun vento noroeste de entre 8 e 10 nós que parecía que non ía dar problemas á flota, pero xusto ao final, cando os veleiros estaban xa próximos á chegada, os que navegaban na cabeza da flota caeron nun pozo, e permitiulle aos que viñan detrás alcanzalos e ata superalos.

Un dos barcos que máis sufriu os caprichos do vento foi o Unus de Luís García Trigo, que tras asinar unha espectacular regata levando a toda a flota á súa popa, viuse relegado á última posición da táboa da clase Coca Cola ORC 4.

Nesta mesma categoría, o Balea Dous de Rodeira, con Luís Pérez á fronte, logrou subir da terceira á primeira posición, facendo caer ao Fend a Bise de Jean Claude Sarrade (Monte Real Club de Yates) e A Burla Negra de Juan José Martínez (Club Náutico Castrelo de Miño) ao segundo e terceiro posto respectivamente.

Na clase Martin Miller J80, o Okofen do Monte Real Club de Yates, que hoxe recuperou a Javier Gándara de patrón, afianzou o seu escalada cara ao podio tras encadear unha nova vitoria.

Destacada tamén foi a actuación do Cunichán de Javier Martínez, que viña sétimo de primeira xornada e, tras unha gran regata, meteuse no peto a prata provisional. O terceiro posto ocupouno o Virazón de Miguel Lago.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Audi Q5, chalé, colexio privado, viaxes… O ‘tren de vida’ do funcionario de aduanas procesado polo Karar levantou as sospeitas

O macroxuízo polo alixo de cocaína do barco Karar, que estaba en suspenso desde...