O Celta logrou este sábado en Balaídos ante o Athletic a súa segunda vitoria da tempada (1-0) cun gol de Iago Aspas, que estreou a súa conta goleadora esta tempada en LaLiga Santander, un tanto rodeado de incerteza porque o VAR corrixiu a decisión inicial do árbitro de anulalo. É unha vitoria balsámica que afasta un chisco os celestes da zona de perigo, pero que non despexa as dúbidas sobre o seu xogo, pouco fluído.
Escribá colocou o seu equipo habitual, mentres que Garitano presentou as novidades de Balenziega e De Marcos, recuperado dunha lesión que o mantivo mes e medio fóra dos campos. Non houbo apenas ocasións durante o primeiro tempo. E iso que o partido se abriu cun perigoso cabezazo de Aspas na primeira xogada. Foi un espellismo.
Sen un claro dominador, a pesar da maior posesión da pelota do equipo celeste, o Athletic apenas asomou sobre a área de Rubén, agás unha boa acción de ataque trenzada no minuto dez sen definición nos metros finais.
Tampouco o Celta ofreceu doses de perigo. Mediado o primeiro tempo, os vigueses avisaron cun pase atrás de Rafinha a Iago Aspas, que lanzou preto da área pequena pero o seu tiro despexouno Íñigo Martínez, e preto do descanso, unha gran acción entre Rafinha e Denis Suárez non logrou culminala Santi Mina, que finalizou a triangulación cun lanzamento desviado.
Ese guión de igualdade sen perigo mantívose durante o primeiros vinte minutos da segunda metade, unha monotonía só alterada por un bo disparo de Sancet desde fóra da área para o Athletic e un envelenado centro de Hugo Mallo para o Celta ao que chegou moi forzado Denis Suárez.
Custoulle ao Celta rachar a orde defensiva do conxunto de Garitano. Con pouco ritmo e sen apenas capacidade de sorpresa no seu ataque, o equipo galego refuxiouse nun saque de esquina para sentenciar o partido, un córner que prolongou de cabeza Santi Mina para que marcase o gol Iago Aspas no segundo pau. O árbitro anulou o cabezazo de Aspas por fóra de xogo, pero o VAR corrixiu esa decisión, pois Williams habilitaba a posición do dianteiro celeste.
O gol deixou sen reacción ao Athletic, a pesar de que Garitano reforzou o ataque con Aduritz e Larrazabal.
No minuto 90, un centro moi pechado de Balenziaga inquietou a Rubén e foi a única ocasión do conxunto vasco no cuarto de hora final dun monótono partido.