O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este mércores que “si hai proxectos” para ampliar a bancada de Tribuna en Balaídos no marco da candidatura da cidade a ser sede do Mundial de 2030, e cualificou de “ignorantes” os membros do PP. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor afirmou que o goberno local enviou á RFEF o “proxecto” da bancada de Tribuna e que, posteriormente, se analizou a súa ampliación.
O resultado, segundo explicou, foi a previsión de incorporar máis aforo mediante o desprazamento cara atrás da bancada e a incorporación de novas fileiras de asentos. “E cando o transformamos e seguimos estudándoo para facer o proxecto básico, saíu isto”, manifestou o alcalde mentres mostraba a infografía con ese deseño. “Este é o proxecto básico, o debuxo do proxecto básico que completa o que lle enviamos á Federación para ter 43.000 espectadores de aforo en Balaídos”, proclamou o rexedor, que o pasado 18 de marzo, en declaracións a Europa Press, sinalara que a ampliación de Tribuna dispoñía dun “anteproxecto” e que “o proxecto hai que contratalo”.
Con todo, Caballero insistiu este mércores en que “si hai proxectos” e explicou que, ademais dese “proxecto básico” da ampliación de Tribuna, o Concello fixo “máis cousas” e deu a coñecer en setembro de 2025 o novo perímetro do estadio para obter ese aforo ampliado. “É proxecto iso (…) hai que ensinarlle ao PP, que son uns ignorantes, que iso é proxecto”, proclamou. “Pero tamén en outubro confirmamos que se ía facer nunha bancada corrida e ensinamos este borrador de proxecto, anteproxecto, en suma, proxecto base para que se soubese como ía ser”, engadiu.
DESPRAZAMENTO DE COLECTORES
Por outra banda, confirmou que o Concello xa dispón da autorización de Augas de Galicia para acometer a obra dos colectores, que deben ser desprazados para permitir a ampliación de Tribuna, e avanzou que eses traballos están “a piques” de aprobarse e que comezarán a principios do mes de maio. “Non só o proxecto, que o hai, o proxecto básico está, é que estamos xa coa obra”, proclamou, e insistiu en que “cada vez que fala” a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, “é mentira tras mentira”.
Caballero tamén lembrou a súa esixencia de que estes traballos, así como os da ampliación da bancada, deben ser cofinanciados pola Xunta e pola Deputación de Pontevedra. Nese sentido, reiterou que PP e BNG manteñen unha “pinza” para que Vigo non sexa sede do Mundial, coa cooperación do presidente da RFEF, Rafael Louzán. “Pois perderon, e van pagar, que remedio queda”, sentenciou, para engadir que “o PP de Vigo e o seu responsable non soportan que a Vigo lle vaia ben”.
“CHÁMASE MENTIREIRO A SI MESMO”
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, sinalou que o alcalde fai “oposición á oposición” e que, coas súas palabras deste mércores, “chámase mentireiro a si mesmo”. “Di que mentimos nós ao dicir que non hai proxecto de execución para ampliar Tribuna ou para mover os colectores. Non é só que o digamos nós. É que o recoñeceu el en declaracións á prensa. Aí está a hemeroteca”, manifestou.
A este respecto, incidiu en que o alcalde “non enviou aínda nada nin á Deputación nin á Xunta” porque, segundo sostivo, “non ten nada que enviar”. “Pero que non se preocupe. En canto mande un proxecto de execución, analizarémolo con rapidez”, asegurou, antes de insistir en que a candidatura de Vigo “sempre tivo o apoio da Xunta e da Deputación”, como evidenciarían o acordo do Consello da Xunta e a carta de compromiso da Deputación.
O BNG CARGA CONTRA A AMPLIACIÓN DE BALAÍDOS
O BNG de Vigo presentou as súas alegacións contra o proxecto de ampliación do polígono industrial de Balaídos, que cualifica de “erro estratéxico” por considerar que afonda nun modelo de cidade insustentable e supón “un novo castigo” para a veciñanza da parroquia de Matamá. Así, o portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, cuestionou a necesidade de ocupar máis de 230.000 metros cadrados de novo solo industrial, ao considerar que “é unha irresponsabilidade seguir depredando territorio sen antes optimizar e reordenar o espazo industrial existente”.
A este respecto, lembrou que a cidade dispón de alternativas, como o Parque Tecnolóxico de Valadares ou a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), “hoxe infrautilizada”. Así mesmo, sinalou que esta ampliación é “filla dun PXOM que naceu de costas á veciñanza”. O BNG advertiu do “impacto” que terá esta ampliación sobre a calidade de vida das persoas desta zona, que xa sofren “desde hai décadas” ruídos, malos cheiros e contaminación por micropartículas. “Pretender que un ‘cinto verde’ de maquillaxe vai solucionar isto é unha burla”, apuntou Pérez Igrexas.
Por todo iso, o BNG solicitou formalmente que o proxecto se someta ao procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica, rexeitando o “atallo administrativo” da vía simplificada. “Vigo merece luz e taquígrafos, e a veciñanza de Matamá merece que a súa saúde se poña por riba de calquera outro interese”, sinalou o portavoz nacionalista.
