O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou este martes as súas acusacións contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, e contra o PP, aos que responsabiliza de opoñerse a que Vigo sexa unha das sedes do Mundial de fútbol de 2030. Ademais, avanzou que xa solicitou unha entrevista coa nova ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes para informarlle directamente desta situación.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico volveu cargar contra a Xunta de Galicia, a través da súa delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz —á que cualificou como “subdelegada” e “cargo político menor”—, acusándoa de soster “mentiras” sobre o proxecto de ampliación de Balaídos e sobre o cofinanciamento das obras. Segundo Caballero, o goberno autonómico coñece “todo” o relacionado coa candidatura de Vigo, pero “non quixo asinar a solicitude” para ser sede do Mundial e negouse a participar no financiamento da parte que lle correspondería das obras no estadio municipal.
CRÍTICAS Á RFEF E Á EXCLUSIÓN DE VIGO
O alcalde volveu censurar que a RFEF non propuxese a Vigo como sede, mesmo tras a renuncia de Málaga, o que, segundo denunciou, provocou que España conte con 11 sedes concedidas pero só se enviasen 10 candidaturas.
“Porque non quixo enviar o nome de Vigo, porque Rueda dille a Louzán que non envíe o de Vigo, que Vigo non pode ser de ningún modo sede do Mundial”, afirmou. Así mesmo, insistiu en que esta postura explicaría a negativa da Xunta a contribuír economicamente ás obras de Balaídos, a pesar de que, segundo recalcou, se trata da “icona deportiva máis importante que hai en Galicia”, sexa ou non sede mundialista. “Queren que sexa A Coruña, e se non é A Coruña, ningunha en Galicia”, subliñou, antes de asegurar que Louzán, a Xunta e o PP están “confabulados contra Vigo”.
“IMOS PELEXAR A FONDO”
“Pois imos pelexar a fondo”, advertiu Caballero, quen confirmou que solicitou unha reunión coa ministra Milagros Tolón e tamén co Consello Superior de Deportes, “para falar do Mundial”. Neste sentido, deixou claro que non renunciará “de ningún modo” a descubrir “as trampas e o aconchabamento” que, ao seu xuízo, manteñen PP, Louzán, Alfonso Rueda e a Deputación de Pontevedra contra a cidade. “Non me vou quedar calado. Voullo contar ao Goberno de España, á ministra de Deportes e ao presidente do Consello Superior de Deportes. Vou levar a voz de Vigo a todas partes”, sentenciou.
