Decenas de vigueses celebran Santa Icía ao ritmo da Unión Musical de Valadares, que cumpre 120 anos de historia

Festa de san Campio Valadares © MN

Decenas de vigueses celebraron este domingo Santa Cecilia, patroa dos músicos, ao ritmo da Unión Musical de Valadares, que levou a cabo un concerto especial con motivo do seu 120º aniversario.

Ao evento, que tivo lugar no auditorio da asociación de veciños desta parroquia viguesa, asistiu o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen puxo en valor a importancia de agrupacións como esta para manter a cultura galega. Así, destacou o “prestixio” da Unión Musical de Valadares como “referente bandística” tanto en Vigo como no resto de Galicia.

Uns oitenta músicos da Unión Musical de Valladares estiveron sobre o escenario interpretando obras como ‘Saga Cándida’, de Bert Appermont, ou ‘Sinfonía Nobilissima, de Robert Jager, baixo a batuta de César Pousada.

Ao concerto tamén acudiron antigos directores da banda, como José Iglesias Ramilo. Ademais, aproveitouse a ocasión para honrar a varios dos integrantes do conxunto que levan máis de 50 anos formando parte da Unión Musical de Valladares. Así mesmo, como cada Santa Cecilia, que se celebra o 22 de novembro, a banda presentou aos novos novos talentos que comezaron a formar parte das súas filas.

A Unión Musical de Valadares foi fundada en 1902 por un grupo de 16 afeccionados á música que aos poucos foi impulsando a cultura musical na parroquia ata converter á banda nun referente para Vigo e Galicia.