InicioCultura"A supervivencia do galego como lingua aplicada á tecnoloxía reside no software...

“A supervivencia do galego como lingua aplicada á tecnoloxía reside no software libre”

Segunda achega sobre a celebración en Vigo do Congreso esLibre sobre cultura libre, na que falamos con Miguel Bouzada, presidente da Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon).

PUBLICADO O

- Advertisement -

Expertos e apaixonados da cultura libre reúnense esta semana en Vigo, os días 24 e 25, na cuarta edición do Congreso esLibre, un encontro para enxalzar e demostrar o potencial para o ben común do software libre, o código aberto, o hadrware libre, a arte libre, a ciencia aberta ou o coñecemento libre e aberto. A de 2022 é unha edición especial, xa que esLibre recobra a presencialidade logo da pandemia de covid-19, e porque se celebra por primeira vez en Galicia, con GALPon e AGASOL como comunidades anfitrioas destes encontros, para os que se elixiron o MARCO e MUTA para a celebración de 30 relatorios e 18 obradoiros, ademais de catro salas de reunións e seis espazos de misceláneas.

Tras falar con Paula de la Hoz e Germán Martínez (presidenta e vicepresente da asociación ciberactivista Interferencias), membros do equipo de organización de esLibre desde a súa primeira edición, en 2019, en Granada, toca agora conversar con Miguel Bouzada, presidente da Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon).

“O reto é conseguir un maior apoio da Xunta de Galicia para que favoreza a comunidade de software libre”

Cales son os proxectos e fitos máis importantes até agora da comunidade galega do software libre? E cales son os seus principais retos agora?

Quizais o feito de ter unha sólida estrutura humana e empresarial que permite que Galicia estea nos cadernos de enderezos de importantes multinacionais da tecnoloxía grazas a desenvolvementos e outros traballos de empresas galegas. Estas empresas, nunha importante maioría, asociadas a AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre), teñen un nivel que nada ten que envexar ao de empresas doutras latitudes.

O reto é conseguir un maior apoio da Xunta de Galicia para que favoreza a comunidade de software libre, onde incluímos tanto empresas (grandes, medianas e pequenas), persoas freelance e mesmo particulares ou cidadanía en xeral. O obxectivo é aproveitar ao máximo os escasos recursos orzamentarios para facer máis cousas. Non se pode favorecer tecidos empresariais onde o código fonte non flúe entre as empresas, onde hai código moi similar que é desenvolto unha e outra vez, co seu custo económico. A premisa de «cartos públicos, código público» ten que ser unha máxima para a Administración Pública para que sexa máis eficiente. Se se consegue ese apoio, as empresas galegas teñen capacidade abondo para afrontar os retos do futuro, a intelixencia artificial, o a internet das cousas, o big data, etc.

Quen compón a comunidade do software libre en Galicia? Cal é o perfil desta comunidade?

Se ben nunha primeira ollada, e así é nalgúns casos, parece que está vencellada á Universidade e ao alumnado de carreiras ou ciclos tecnolóxicos, a verdade é que hai unha gran diversidade, dende persoas que senten curiosidade pola tecnoloxía en xeral, mesmo sen instrución específica, ata xente co máximo nivel, pasando por curiosos, amadores, argalleiros (tamén chamados «makers»), moito mestrado, «geeks» varios e, como non, estudantes e profesionais da tecnoloxía. Cada entidade aporta o que quere, dende xente que fai documentación ou traduce, ata a que desenvolve puramente código, pasando polas persoas que fan probas en busca de erros, etc.

“Calquera actividade humana pode desenvolverse baixo o código de cultura aberta ou libre; non hai límites, tan só os que os humanos nos empeñemos en poñer”

No Congreso esLibre abórdase a aplicación da cultura libre e aberta en sectores tan dispares como videoxogos, música, teatro, educación, construción… Até onde poden chegar e que beneficios poden reportar estas solución libres?

Sinceramente, penso que non hai límites, calquera actividade humana pode desenvolverse baixo o código de cultura aberta ou libre. Estamos a ver iniciativas nun mundo tan pechado como o da arquitectura, e non falo do software, senón dos deseños arquitectónicos (ver Paperhouses), os mobles (ver OpenDesk) ou o hardware libre, que xa forma parte das nosas vidas e resulta básico nas escolas. Hai tamén movementos no eido da bioloxía e da medicina. Outro eido no que está comezando a cobrar especial importancia é no das revistas científicas, un espazo que está profundamente distorcido polas editoriais dos «papers» con situacións que producen noxo. Non hai límites, tan só os que os humanos nos empeñemos en poñer. Hai que ter en conta que compartir coñecemento de xeito libre é o que ofrece maiores garantías de éxito para a humanidade, xa que é o máis eficiente e o que consome menos recursos; é dicir, para que inventar a roda outra vez?

Por que deberían estenderse máis a licenzas libres fronte ao copyright e en que ámbitos e produtos? Como se lle pode convencer a un autor ou autora dunha obra artística, ao autor dun programa informático ou a unha empresa para que apliquen licenzas libres aos seus produtos ou para que utilicen produtos con estas licenzas?

Esta é unha pregunta bastante complicada. No meu caso, penso que o copyright ten o seu sentido e o copyleft tamén. A resposta está nos intereses e no alcance da persoa que crea o contido. Ás veces, prefírese desenvolver un traballo «vivo», que poida ser mellorado e arrequecido desde outras ópticas; viría ser como deixar algo «inacabado», aberto a calquera persoa que poida aportar unha nova versión, un novo punto de vista ou simplemente agardar que a comunidade vexa a súa produción como algo digno de ser reutilizado, copiado e adaptado a outras realidades. A decisión dunha ou outra licenza dependerá dos intereses. Mesmo unha obra pode ter dobre licenzamento, dependendo do que decida esa autoría en base ao destinatario desa obra.

Sobre o debate software libre vs software de código aberto, que posición teñen en GALPon e na comunidade galega pola cultura libre?

Podo falar en nome de GALPon, xa que a comunidade galega é diversa e non nos gusta falar en nome dos demais. GALPon é un firme defensor do concepto de software libre por riba do de código aberto, defendendo tamén os intereses daquelas persoas ou entidades que desexan mellorar ese código. É dicir, se o código é simplemente «aberto», non permite melloralo nin adaptalo ás nosas necesidades. Os alicerces na ética dos inicios do movemento da liberdade do software son máis fortes e, por iso, máis determinantes que o simple interese dalgunhas compañías e dalgúns programadores nos métodos/procedementos asociados. Non esquezamos que o código aberto nace após o movemento da liberdade e que se ampara en que ás entidades pode darlles medo o termo «libre» (non esquezamos que en inglés «free» tamén é «de balde») e deciden adoptar o termo «aberto» por ser menos agresivo ideoloxicamente. En resumo, o código aberto é un software libre ao que lle retiras a capa ética, a capa da dignidade, e agochas a liberdade do usuario.

“Cando falas coa maioría dos operadores culturais, nin saben de que lles falas. Asocian directamente o concepto de libre a «de balde»”. 

Que valoración fan da situación e implantación en Galicia do software libre e da cultura libre?

Moitas veces, vemos publicacións moi triunfalistas, como «Oito de cada dez empresas galegas empregan software libre, 10 puntos máis que hai un ano», pero cando vas ao fondo, aí inclúen empresas que só empregan o navegador Firefox, que é libre. Mentir non menten, pero é triunfalismo. Pola contra, concellos como o de Vigo teñen a práctica totalidade da súa infraestrutura sobre software libre (teñen excepcións moi contadas e, seguramente, moi xustificadas). O que si é certo é que cada vez se emprega máis software libre nas empresas que desenvolven código, xa que a falta de persoal dispoñible case «obriga» a revisar con máis frecuencia os repositorios de código libre para seren reutilizados.

Respecto á cultura libre, a cousa vai un pouco mellor, pero cando falas coa maioría dos operadores culturais, nin saben de que lles falas. Asocian directamente o concepto de libre a «de balde». Conceptos como «licenza Creative Commons» sóalles a chinés, e dos que as empregan, prefiren incorporar a cláusula NC (Non Commercial) que fai que, directamente, xa non sexa libre. Mesmo os propios operadores culturais (empresas e asociacións) ignoran iniciativas como OpenStreetMap, a Wikipedia dos mapas (neste caso, recomendo consultar o mapa que ofrecemos na páxina de información xeral da web do congreso) ou a existencia de alternativas libres/abertas a tarefas coma os formularios ou as enquisas, os editores de texto, as follas cálculo, etc (FramasoftCriptPad, etc.) e seguen a empregar as ferramentas privativas con máis sona. O peor de todo é que iso fano algunhas entidades públicas educativas españolas das que hai que destacar que mesmo ignoran ferramentas abertas fornecidas pola Unión Europea, coa garantía de preservar os datos, coma EUSurvey, e prefiren solucións privativas dos Estados Unidos, o que nos leva á dependencia tecnolóxica e á falta de privacidade xa multada pola Comisión Europea a varias empresas dese país.

Como valoran o papel da Xunta de Galicia para o fomento da cultura e do coñecemento libre? Que se fixo desde o Goberno galego, que queda por facer e que erros e acertos houbo neste eido desde as institucións políticas do país?

Penso que non é só da Xunta, senón da maior parte de todas as diferentes administracións no Estado. Por citar algún caso da Xunta de Galicia, ver como vocabularios sectoriais feitos por empregados da Administración son cedidos a editoriais como Galaxia ou Xerais sen contraparte e que estas comercializan baixo licenza restritiva (copyright), privando da súa posesión a quen realmente pagou por el, o pobo, mediante os seus impostos. Temos detectado outras situacións que, se ben de xeito lento e desganado, foron revertidas, mais aínda seguen a facerse esas barbaridades. Mentres as administracións (o funcionariado de alto nivel e as normas) non cambien o «chip», pouco hai que facer. Algo móvese, mais non é abondo.

“A presenza do software libre nas escolas debería ser obrigatoria, xa que o fin das escolas é a formación de individuos capaces, independentes, fortes, solidarios e libres”

Por que os centros de educación non deberían usar software privativo? E como valoran os acordos entre Microsoft e institucións para a implantación xeneralizada de software desta empresa na educación pública galega?

A presenza do software libre nas escolas debería ser obrigatoria, xa que o fin das escolas é a formación de individuos capaces, independentes, fortes, solidarios e libres. Só co software libre se pode formar individuos para que non dependan dos intereses das multinacionais/transnacionais do software resultando en individuos preparados para vivir nunha sociedade dixital. Pola contra, empregar software privativo conduce á formación de individuos dependentes desas empresas, cousa que as escolas deben evitar a toda costa. O peor do emprego de Microsoft e/ou Google nas escolas non é xa o dito sobre o valor educativo, vai moito máis aló. Estes procedementos implican a cesión de datos persoais de cativos e mozos a estas empresas «especializadas no tráfico de datos persoais». É curioso ler nestes días novas sobre a expulsión prohibición de Microsoft 365 nas escolas do estado de Baden-Württemberg por mor da violación das normas europeas de protección de datos. Lin recentemente a seguinte noticia: «Millóns de menores en todo o mundo foron vixiados por empresas tecnolóxicas durante a pandemia». Nela, dise: «Un informe de Human Right Watch estudou o comportamento de 149 aplicacións que foron utilizadas en 49 países, co consentimento dos gobernos, en relación á infancia. A maior parte destas solucións de software vixiaron a millóns de menores, recompilando datos persoais de todo tipo sen o seu consentimento ou o dos seus familiares».

Son compatibles os acordos da Xunta con Microsoft coas iniciativas que impulsa o Goberno galego sobre software libre? Non é un paradoxo isto?

Certo, é un paradoxo, pero xa non é cousa dos paradoxos, máis ben sería cousa de que se explique cales son as razóns para facelo, as reais, non as «escusas de mal pagador» que adoitan utilizar. Citaba anteriormente o caso de Microsoft 365 en Baden-Württemberg; pois aquí, en Galicia, prefiren mirar para outro lado, impórtanlle moi pouco as persoas, só lles importan esas razóns que nos agochan. Os lobbies das empresas tecnolóxicas de código privativo son moi agresivos, e xa temos antecedentes, como o acontecido no pasado coa «estandarización» do formato OOXML [Office Open XML].

Como se lle explica a alguén que descoñeza a idea de soberanía dixital que é e por que é necesaria?

Empregando un símil doado de entender. Supoñamos que os hospitais teñen todas as nosas historias clínicas, pero como ninguén sabe escribir nos soportes onde se gardan, hai que contratar unha empresa que faga o traballo a un prezo (que non custo) económico. Como ese prezo non é abondo para esa empresa, o que fai é vender as historias clínicas a terceiros, xa sexan farmacéuticas, cadeas de hospitais, etc., é dicir, vende os nosos datos no seu beneficio. A soberanía dixital viría a ser o «poder crear o soporte» así saberían escribir nel, polo tanto, a solución non é contratar con entidades propietarias deses soportes, senón promover a nosa «soberanía», tanto no eido industrial coma na educación.

“Non queda senón aplaudir e apoiar o esforzo que fai «Proxecto Trasno», traducindo ao galego e mantendo milleiros de aplicativos”

Que papel pode xogar o software libre para o futuro da lingua galega?

A garantía de supervivencia do galego como lingua aplicada á tecnoloxía, nun inicio na informática, mais xa ampliada a todos os novos campos do coñecemento, reside no software libre; algúns aplicativos privativos tamén permiten a súa localización a idiomas minorizados, pero, nunha gran maioría de casos, as traducións de voluntarios pasan a ser propiedade das empresas que hai tras eses aplicativos e son elas as que deciden como e cando empregalas. A propia esencia do software libre convida á súa tradución e á súa divulgación, e cando alguén decide que non interesa incorporar/divulgar a tradución ou desenvolve o aplicativo sen esa posibilidade, enseguida xorden iniciativas nese aspecto. Sirva de referencia que cando comezou Telegram, aínda non permitía a súa tradución, e xurdiron iniciativas como Galegram para suplir esa eiva, e esta é só unha anécdota das moitas que poderiamos comentar.

Nese terreo, non queda senón aplaudir e apoiar o esforzo que fai «Proxecto Trasno», traducindo e mantendo milleiros de aplicativos, incluíndo sistemas de interfaces (de xanelas) e sistemas operativos completos. Como exemplo, o navegador Firefox, a suite ofimática LibreOffice, os xestores de xanelas de GnomeKDEXfceLXDE ou os sistemas operativos Debian ou Ubuntu, por poñer os exemplos máis coñecidos.

Sobre GALPon, cales foron os principais proxectos e fitos da asociación?

Se facemos un repaso á nosa historia, que con vinte anos xa da para algo, quedaría coa organización da primeira visita de Richard Stallman a Vigo, as primeiras Linux-Party dos anos 2004 e 2006. O desenvolvemento das distribucións «MiniNo» (unha lixeira de propósito xeral) e «PicarOS» (orientada á formación e entretemento de cativos) e, os chamados «Sábados Libres na Altamar», xornadas que se desenvolveron durante os anos 2012 a 2015 e das que xurdiron algunha das comunidades tecnolóxicas que existen actualmente en Vigo.

Cales son os principais obxectivos e proxectos de GALPon para o futuro inmediato?

Seguir na mesma ruta, promovendo as ferramentas e a cultura libres, e cun especial interese en actividades de formación presenciais, moi prácticas e cun ollo sempre posto na educación.

Que valoración fan destes vinte anos de existencia de GALPon?

Foron anos emocionantes. Se repasamos a lista dos nosos socios fundadores, veremos que hai xente que na actualidade son prestixiados desenvolvedores, especialistas en seguridade ao máis alto nivel, empresarios especializados no software libre e unha comunidade de usuarios moi ben levada. Oxalá siga a arder esta mecha por moito tempo e con máis xente nova.

Teñen programado facer algo máis para este 20 aniversario?

A verdade é que pensabamos, mais este Congreso esLibre 2022 estase a levar todos os nosos recursos, incluídas algunhas reservas que tiñamos. Conformarémonos con facer unha pequena actividade de convivencia entre nós.

Congreso esLibre 2022, en Vigo.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

As auroras boreais volven a Galicia

Galicia sufriu na noite deste venres unhas tormentas xeomagnéticas severas que permitiron que en...

Stellantis inicia cambios na súa cúpula ante unha crise do negocio mentres prepara a saída de Carlos Tavares

Stellantis confirmou nas últimas horas que xa arrincou o "proceso formal" para designar ao...

A última fase de humanización da fronte portuaria de Vigo acabará en decembro

As obras de humanización da fachada portuaria de Vigo, entre Areal e Bouzas culminarán...

O Goberno traslada a intención de adoptar “medidas” para garantir o acceso público á illa de Toralla

O Goberno trasladou, nunha resposta á senadora do BNG Carme da Silva, a súa...