InicioCultura"O coñecemento libre é a defensa do interese xeral fronte ao interese...

“O coñecemento libre é a defensa do interese xeral fronte ao interese particular”

Vigo acolle o 24 e 25 de xuño a cuarta edición do Congreso esLibre sobre software, hardware, cultura e coñecemento libres. Nesta entrevista falan Paula de la Hoz e Germán Martínez, do colectivo ciberactivista Interferencias e membros do equipo organizador deste encontro.

PUBLICADO O

- Advertisement -

En 1984, o programador estadounidense Richard Stallman, considerado un dos grandes gurús da cultura hacker, abandonou o Massachusetts Institute of Technology (MIT) para centrarse no proxecto GNU e crear a Free Software Foundation, considerada o núcleo iniciático dun movemento reticular que defende un modelo de desenvolvemento e cooperación comunitario horizontal na creación de software que racha coas dinámicas xerárquicas industrialistas do capitalismo. O seu obxectivo: garantir a liberdade de executar, estudar, cambiar e redistribuír copias de calquera software por calquera individuo. Isto supuxo un cambio de paradigma fronte ao modelo hermético e privatizado do capitalismo tecnolóxico. Catro décadas despois, o movemento polo software libre non só segue vixente, senón que gañou músculo e abriu outras fiestras polas que asoman iniciativas e movementos que conforman o que se coñece como cultura librecódigo abertohadrware librearte libreciencia abertacoñecemento libre… Todo, baixo unha premisa, o adagio da cultura hacker: a información ten que ser libre, polo ben común.

Esa vitalidade da cultura e do coñecemento libres verase en Vigo, onde expertos e apaixonados das solucións libres se reúnen os días 24 e 25 de xuño, no Congreso esLibre, que chega á súa cuarta edición, con 30 relatorios e 18 obradoiros, ademais de catro salas de reunións e seis espazos de misceláneas. A de 2022 é unha edición especial, xa que se recobra a presencialidade logo de dous anos de pandemia de covid-19, e porque se celebra por primeira vez en Galicia, con GALPon e AGASOL como comunidades anfitrioas destes encontros, para os que se elixiron o MARCO e MUTA como espazos para a súa celebración.

Nesta primeira achega que ofrecemos en Galicia Confidencial sobre a cuarta edición de esLibre falamos con Paula de la Hoz e Germán Martínez, presidenta e vicepresente de Interferencias (asociación ciberactivista en defensa da privacidade na internet e os dereitos dixitais que promove o uso de software libre, e da que son cofundadores), e membros do equipo organizador de esLibre desde a súa primeira edición, en 2019, en Granada.

Como, cando e con que obxectivos se xestou esta edición de esLibre?

Germán Martínez: A idea coa que comezamos a organizar esLibre no ano 2019 era que, polo menos, se realizase unha edición do congreso cada ano, sen ningunha data fixa, aínda que acabamos organizando todas as edicións nos meses arredor do verán, xa que adoitan ser os máis dados para viaxar; por iso mesmo, a finais do ano 2021empezouse a organizar a edición de 2022.

O congreso, como tal non ten unha sede fixa, se non que está exposto para ser un evento itinerante que permite crear comunidade ao redor da cultura libre e as tecnoloxías libres polos diferentes territorios do país, aínda que apoiándose tamén nos medios dixitais para facilitar o alcance tamén a todos os territorios hispanofalantes

Hai tamén un grupo de organización xeral composto maiormente por persoas relacionadas coa organización de anteriores edicións do congreso, pero a idea é que cada edición sexa xestionada maiormente por unha comunidade anfitrioa propia do lugar onde se realice cada edición, seguindo para iso un proceso totalmente transparente de presentación de propostas e elección final da mesma.

“Vigo e Galicia son unha zona moi activa no que se refire á divulgación do software libre, con varias comunidades dedicadas a compartir coñecemento”

Que vai aportar a edición de Vigo respecto ás anteriores? E que agardan deste congreso?

Germán Martínez: Queremos que a edición de Vigo achegue tanto ou máis que as edicións anteriores (Granada e Madrid): o achegamento ás súas comunidades e ver que podemos aprender unhas doutras. Vigo e Galicia son tamén unha zona moi activa no que se refire á divulgación do software libre, con varias comunidades dedicadas a compartir coñecemento e onde as propias comunidades anfitrioas da edición deste ano xa organizaron eventos de gran relevancia dentro do ámbito, como as de Librecon 2015 e 2017 ou o Akademy-es de KDE España en 2019, así que é seguro que todo o que farán será mellorar a propia experiencia do congreso.

Pola nosa banda, o que agardamos é que máis xente coñeza esta iniciativa e se vaia sumando para que entre todas as persoas interesadas podamos formar unha comunidade sa máis grande ao redor da cultura libre, aberta a todo o mundo grazas a un ambiente amigable, seguro e acolledor para todo o mundo.

Baixo o paraugas da cultura e do coñecemento libre atópanse moitos conceptos, principios éticos e filosóficos, e produtos que promoven un acceso libre e aberto a moitos recursos. Como se lle explica a alguén que non coñece de preto esta cultura que é este movemento?

Paula de la Hoz: Coido que o erro está en centralo niso, precisamente. Ten relevancia, pero ás veces o software libre é unha solución simple á tecnoloxía agresiva, ruidosa e aproveitada. Se deixa de enxalzarse as usuarias e colocalas nun pedestal ético que non todo o mundo está especialmente interesado en ocupar (aínda que sexa polo seu ritmo de vida, non polas súas crenzas persoais), faremos o software libre que necesitan as persoas: o software libre práctico, accesible e simple (cousa que é en moitísimos casos). O movemento pode explicarse desde a esperanza dun futuro reciclable e á vez tecnolóxico, sostible e autoxestionado, sen necesidade de falar de filosofía, ética ou moral de ningún tipo. Tecnoloxía sostible que, se non che gusta, podes cambiar; iso é o software libre.

Chámame a atención que nun encontro sobre cultura e coñecemento libres non aparezan referencias explícitas á ética e cultura hackers, cando é aí onde naceu este movemento, onde se xestou e materializou a idea do software libre e a defensa activa do coñecemento libre. Hai algún motivo? A criminalización da cultura hacker por parte do poder condiciona dalgún xeito o uso da palabra “hacker” neste tipo de encontros?

Paula de la Hoz: É certo que hai varios ensaios respecto diso. O sociólogo Richard Sennett, que normalmente fala da defensa dos espazos públicos no deseño do urbanismo, ten un ensaio sobre a artesanía e compara o software libre coa artesanía dixital, con toda a ética que conleva o tratamento artesán (transmisión de coñecemento, coidado, ritmo…), ou ‘A ética hacker e o espírito da era da información’, un ensaio asinado polo filósofo Pekka Himanen, con tinguiduras de humor sobre o software libre e a filosofía da ética. É máis, nos noventa creouse a Electronic Frontier Foundation pensando en desenvolver formas de protexer as usuarias do “que viña” coas incipientes empresas con modelos de negocio baseados en software privativo.

“O software libre pode e debe ser algo útil, reutilizable e accesible. Quen non quere unha tecnoloxía con esas calidades?”

O software libre naceu nunha contorna académica e escapou desta para chegar a unha comunidade de curiosas e curiosos, mesmo chegando ir da man de movementos que necesitaban a autoxestión dixital, como o mundo das radios libres ou os feminismos.

A criminalización levouna moito máis en profundidade a comunidade  hacker no sentido estrito da ciberseguridade, cando unha caza de bruxas tanto mediática como legal se envorcou sobre comunidades que se ensinaban entre elas a romper a tecnoloxía por curiosidade, necesidade ou  vandalismo (cada cal tiña os seus motivos). Desde logo, a comunidade de ciberseguridade e doutra banda de cibercrime nutríanse (e séguense nutrindo) de software libre, pero son dúas cousas separadas. A palabra “hacker” ao principio só era ser curiosa/o e creativa/o respecto á tecnoloxía, pero durante esa caza de bruxas dixitais, o termo empezou a envelenarse.

Como se explica que malia terse asimilado por parte da sociedade produtos da cultura libre que xa son de uso masivo e rutineiro, como Wikipedia, WordPress, Firefox, etc., as esencias e principios deste movemento e do software libre sexan aínda tan descoñecidos por un amplo sector da sociedade, mesmo percibidos como algo de frikis ou como algo propio dunha subcultura, ou mesmo como unha ameaza?

Paula de la Hoz: Como se mencionaba antes, o software libre non é contrario a utilidade. O software libre pode e debe ser algo útil, reutilizable e accesible. Quen non quere unha tecnoloxía con esas calidades? O software libre tena de forma inherente, porque nace da necesidade das persoas, mentres que o software privativo é un produto que non sempre é necesario, pero que fai moito máis ruído e, en moitas ocasións, engancha máis, porque así está deseñado. Se se percibe como algo de frikis é porque esas marcas ou empresas privadas aseguráronse de maquillar calidades como a curiosidade ou a habilidade para mellorar cousas libres como algo negativo e innecesario, cousa que xente tóxica dalgúns círculos non se esforzou en combater. Pero moitísimas comunidades libres esfórzanse por reivindicar a reciclaxe de código e o aprender entre nós para crear cousas novas como algo positivo (esLibre incluímonos) e seguiremos lanzando esa mensaxe sen necesidade de pretensións filosóficas obrigadas entre medias. A tecnoloxía sostible e amable é necesaria e a que non o sexa caerá polo seu propio peso.

Baixo o paraugas da cultura e do coñecemento libres, o software libre converteuse no estandarte deste movemento, desde a década de 1980. Por que é tan importante o software libre dentro da cultura libre?

Paula de la Hoz: O software, en xeral, permite crear cousas e facilitarlle a vida á xente. Con todo, está baleiro sen tradutoras e tradutores, artistas ou escritores, de modo que, en realidade, ambos son importantes. O software é moi voluble, adáptase e cambia. Ten un gran foco enriba porque é esa parte máxica que descargas, premes algo e funciona, e permíteche seguir co teu día, pero detrás hai un traballo moito máis amplo que implica perfís de moitos tipos. Desde esLibre, de feito, queremos incidir nesa pluralidade de perfís, e empezar a deixar atrás ese pedestal reservado aos perfís técnicos. Teñen tanta importancia como os demais.

“Usar licenzas libres é axudar a crear un ecosistema de coñecemento máis accesible para todo o mundo do que todo o mundo tamén se pode beneficiar”

Por que deberían estenderse máis a licenzas libres fronte ao copyright e en que ámbitos e produtos? Como se lle pode convencer a un autor ou autora dunha obra artística, ao autor dun programa informático ou a unha empresa para que apliquen licenzas libres aos seus produtos ou para que utilicen produtos con estas licenzas?

Germán Martínez: Tanto desde o punto de vista dunha persoa que toma o rol de creadora, como desde o dunha persoa que toma o rol de usuaria, o usar licenzas libres é axudar a crear un ecosistema de coñecemento máis accesible para todo o mundo do que todo o mundo tamén se pode beneficiar, e isto pódese aplicar a todos os campos que fan uso da razón de calquera xeito, como son as persoas que crean obras de arte, as persoas que desenvolven programas informáticos ou as persoas que forman parte calquera outro campo, porque o coñecemento non é algo que aparece de forma espontánea, senón que é algo que adquirimos mediante a observación e a súa correspondente práctica.

Se temos un acceso maior a pezas de coñecemento libre, teremos tamén unha maior capacidade para crear outras pezas mellores pola nosa banda ou para atopar pezas (ou axudarnos a crealas) que se adapten mellor ás nosas circunstancias específicas; é a defensa do interese xeral fronte á dependencia do interese particular.

Desde a cultura hacker e o movemento polo coñecemento libre defendeuse desde hai décadas que o código dun programa informático é expresivo, fronte ao argumento do poder político, xudicial e económico, que o consideran soamente funcional e, polo tanto, que un código informático non é un instrumento de comunicación, senón análogo a unha máquina, neutro e, por tanto, defenden que non debe ser protexido polo dereito á liberdade de expresión. É un código informático unha forma de expresión? Debe ser protexido baixo o dereito á liberdade de expresión?

Paula de la Hoz: Cando programas, cada programador adoita seguir unhas pautas lóxicas, pero a firma de desenvolvelo é moi persoal. Dúas persoas poden desenvolver código que faga o mesmo de formas moi diferentes, e en linguaxes distintas. Isto non fai necesariamente un mellor que o outro, pero si cambian dunha persoa a outra, e dunha xeración a outra, porque se aprenden cousas novas. O software libre empurra á creatividade de cada persoa, pero incentiva facer “comentarios” e documentación, de xeito que poidas comprender o código doutra persoa e reutilizalo. Neste sentido, o código é expresivo, porque hai parte da creatividade dunha persoa (ou de varias) nel, e a clave de que todo funcione e poida evolucionar en mans doutra xente está na comunicación. Deixas a túa ferramenta e unha nota sobre como manipulala, e así calquera pode cambiala e deixar outra nota. Ao final, créase o histórico de algo que funciona, quizais dun modo diferente a como se concibiu, e iso é moi fermoso. A ferramenta terá un carácter, unha entidade e unha comunidade propias, e non pertencerá a ninguén, se non a moita xente. É, sen dúbida, unha forma de expresión, moi libre e autoxestionada. Pode tentar protexerse, pero a lei sempre vai un paso por diante da realidade, así que o principal e fundamental é ensinar ás novas xeracións a protexer e reutilizar a súa tecnoloxía. O demais chegará, eventualmente, para acompañar o que xa existe.

“A tecnoloxía privativa con frecuencia quere aproveitar o seu gran altofalante para atribuírse a autoría de ideas e conceptos que a comunidade libre levaba tempo utilizando”

Por que é máis popular o movemento do software libre que o do hardware libre? Como se complementan? E por que deberiamos utilizar hardware libre?

Paula de la Hoz: Mentres que o software libre se pode tratar desde moitos flancos (programación, tradución, cultura libre, arte, etc.), o hardware libre ten un compoñente de electrónica que adoita impoñer bastante, mesmo entre persoas con perfil técnico. Para empezar, tense a concepción de que probar, equivocarse e volver empezar en cuestión de software vén ser barato (á fin e ao cabo, “só” son programas), pero co hardware libre a cousa cambia. Manipulas placas, compoñentes, soldaduras… e aínda que normalmente atopamos placas de prototipado como Arduino, que resisten os experimentos máis salvaxes (e por iso son indicados para estudantes mesmo en etapa infantil e primaria), ás veces lanzarse de primeiras ao hardware libre pode supoñer un experimento máis caro.

De todos os xeitos son cousas que van da man, e atopamos ordenadores, móbiles e dispositivos en xeral (mesmo industriais como routers) completamente libres, e ás veces nin o sabemos. Deberiamos darlle unha oportunidade porque, do mesmo xeito que o software libre, o hardware libre avoga por arranxar antes que tirar, reaproveitar, reutilizar…, cousas que son fundamentais se queremos falar dunha tecnoloxía sostible, que se volve fundamental fronte á crise climática que enfrontamos. Así que alén da ética da cultura e a comunidade libre, o uso do hardware libre é unha aposta sostible pola tecnoloxía, xa sexa aprendendo e apoiando esa soberanía tecnolóxica activamente, como usando o traballo libre doutras persoas. Sería unha aposta por un futuro sen obsolecencia programada, onde prima aprender a reparar antes que tirar e comprar; algo moito máis positivo, se mire por onde se mire.

Agora que se fala tanto do metaverso, que papel pode xogar o software libre no desenvolvemento de contornas virtuais fronte a proxectos como o de Meta (Facebook)?

Paula de la Hoz: O software libre xa tiña espazos que ben poderían considerarse similares ao metaverso; de feito, en esLibre montamos un o ano pasado e o anterior, durante a pandemia. Pero, de novo, non pertence a ningunha empresa, nin o seu obxectivo é facerte obxectivo dunha choiva de anuncios, nin che pide datos a cambio de utilizalo. A tecnoloxía privativa con frecuencia quere aproveitar o seu gran altofalante para atribuírse a autoría de ideas e conceptos que a comunidade libre levaba tempo utilizando, pero ese desinterese económico e a súa falta de medios de marketing fan que as solucións libres non teñan tanto eco.

“No fediverso non hai algoritmos que deciden que debes e que non debes ver, de modo que accedes a moita máis información e evitas o efecto ‘cámara de eco’”

Doutro lado, nos últimos tempos está gañando forza o chamado fediverso, unha alternativa do movemento do software libre ás redes sociais e plataformas de comunicación comerciais. Que é para vostedes o fediverso? Que vantaxes ten e que futuro lle agarda?

Paula de la Hoz: O fediverso é un conxunto de redes sociais de diferentes tipos (de fotos, de  microblogging, de artigos, de vídeo, de audios, etc.) que calquera pode despregar no seu propio computador e cederlle o paso a outras persoas. É por iso que o chamamos unha rede “distribuída”, porque non hai ningún núcleo centralizado que controle todo. Isto ten as súas vantaxes e as súas desvantaxes, pero en xeral permite moita flexibilidade. A maior parte das e dos usuarios elixe unha “instancia” (o servidor de alguén) que vaia acorde coas súas ideas ou os seus gustos, e pídese acceso a través dun formulario de rexistro simple ou unha ligazón de invitación. Algunhas teñen deseños similares ás redes privativas, pero nas súas diferenzas sutís radican comportamentos menos agresivos. Por exemplo, non hai algoritmos que deciden que debes e que non debes ver, de modo que accedes a moita máis información e evitas o efecto chamado “cámara de eco”, que en definitiva te pecha nunha burbulla que che mostra cousas similares ao que ti mesma/o dis ou publicas. Deste xeito sempre che dá a sensación de que levas razón e todo o mundo pensa como ti, algo bastante perigoso. O fediverso, porén, móstrache todo o que lle permitas mostrarche (podes bloquear instancias ou persoas), pero non decide que mostrarche e que non. Tampouco atoparás publicacións patrocinadas, nin un multimillonario será capaz de comprar o fediverso e moldealo: porque non é de ninguén, é de todas. Tampouco che pedirá teléfonos, direccións ou nomes reais.

O fediverso ten un futuro lento, pero interesante, pois cada vez máis persoas foxen do ruído das redes sociais privativas e  bsucan interaccións máis pausadas e menos tóxicas nas redes libres. Segue habendo discusións e xente que che cae mal, pero o sistema que hai detrás non che empurrará a cruzarte co que non queiras por xerar visitas, nin te bombardeará con anuncios. De modo que, se efectivamente traballamos por crear unha tecnoloxía máis sostible e sa, o fediverso ten un oco fundamental.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

A cocaína localizada nun colector portuario este martes estaba oculta nun dobre fondo: 520 quilos en 432 paquetes

Os máis de 500 quilos de cocaína localizados nas últimas horas nun colector no...

Caballero reta a Rueda a conseguir “do seu amigo” Luís Montenegro, primeiro ministro luso, o compromiso co AVE en 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que o Goberno de España...

A Xunta defende o seu traballo na illa de San Simón logo das críticas do Concello de Pontevedra

A Xunta de Galicia reivindicou que "cumpre cos termos" da concesión demanial e do...

Un xulgado Social emite a primeira sentenza ditada en Vigo con uso do sistema de adaptación á lectura fácil

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou unha sentenza pioneira na cidade ao utilizar...