InicioCultura'Histérikas Histórikas': humor, feminismo e cultura dende Vigo e para o mundo

‘Histérikas Histórikas’: humor, feminismo e cultura dende Vigo e para o mundo

Trátase dun podcast que se grava todos os mércores no café UF con entrada libre e gratuíta e que coloca no centro as mulleres e o seu coñecemento.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un programa en formato televisivo que mestura feminismo, humor, cultura, actualidade, e está feito en galego. Esta é a proposta de ‘Histérikas Histórikas’, un novo podcast que naceu hai pouco en Vigo e que procura financiamento para seguir adiante máis alá de xuño. O programa grávase todos os mércores no café UF con entrada libre e gratuíta, dende onde tamén se emite a través das redes sociais do programa.

Dirixido e producido por Franco Tedesco, o obxectivo do espazo “é chegar a todas aquelas persoas que teñen unha idea equívoca do feminismo, e poder comunicar que é realmente e de que elementos se compón, sen entrar en gretas nin divisións”, explica o equipo, que tamén procura visibilizar iniciativas de emprendemento local e ser un lugar seguro para as persoas que non teñen espazo de expresión nos medios habituais.

Aos mandos de ‘Histérikas Histórikas’ está a politóloga especialista en xénero Priscila Retamozo, con longa andaina no activismo e con habilidade para compaxinar coñecemento e humor. Tras un monólogo inicial presentado por ela mesma, o programa ofrece entrevistas con convidadas moi variadas, desde a humorista Arantxa Treus, pasando pola psicóloga streamer ‘Psicowoman’, o grupo de música Las Ketekalles, ata a cantante de rap Sara Hebe, que sentará na mesa do Café UF proximamente.

Todo isto acompañado tamén polas seccións de Amara Pérez, encargada de traer libros e outras expresións culturais que teñen que ver co tema tratado en cada programa – unha “mestura imperfecta entre cultura e salseo” – segundo explica; e Lucía Salgueiro, que introduce o público no que ela mesma define como un “horóscopo cartesiano e escéptico nun mundo banalmente supersticioso”. Disfrazada de raposa, Salgueiro resolve dende o humor as dúbidas expostas polo público presente,con dubidosos procedementos que dan lugar a todo tipo de confusións e tolemias.

Aínda que a iniciativa comezou en agosto de 2021, non foi ata febreiro deste ano cando se decidiron a desenvolver o programa con público, e foi entón cando cambiaron o idioma de español a galego. “Parecíanos tamén unha forma de mostrar sensibilidade co local”, explica o equipo.

“Se buscas rir, aprender, compartir e emocionarte, non podes faltar á cita dos mércores no Café UF ás 20 horas”,  animan. O programa sae en vivo pola plataforma Twitch e súbese logo a youtube os domingos na súa versión editada.

ÚLTIMAS

A CIG denuncia que o modelo de Muface prioriza o beneficio económico sobre o dereito á saúde

A CIG denunciou este luns que o modelo de mutualismo administrativo está deseñado para...

La Reina del Flow encabezará o Galicia Fest 2026 cun concerto no Porto de Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este luns o primeiro cabeza...

Guerra de cifras e reproches entre a Xunta e o Concello de Vigo pola vivenda e o Mundial 2030

A Xunta de Galicia reivindicou este luns o seu compromiso coa construción de vivenda...

Un policía local de Redondela resulta ferido ao deter un home que tentou reter a unha moza

Un axente da Policía Local de Redondela resultou ferido este fin de semana durante...