InicioCulturaAsí é o novo Castelo de Sobroso tras a súa musealización

Así é o novo Castelo de Sobroso tras a súa musealización

Instaláronse novas tecnoloxías, recursos gráficos e montaxes, para impulsar aínda máis o atractivo deste edificio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Castelo de Sobroso, en Ponteareas, abre desde este luns unha nova etapa, tras unha intervención para musealizar e pór en valor o recinto, na que se contou coas novas tecnoloxías, recursos gráficos e montaxes, para impulsar aínda máis o atractivo deste edificio.

O acto de inauguración contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, ademais doutros rexedores da comarca, e estivo amenizado polos ‘trasnos’ e outros personaxes da produción ‘Bosque Vivente’, a cargo de Sarao Animación.

Silva, que cualificou este luns como “día histórico”, subliñou que as melloras no castelo servirán para potencialo como foco de atracción turística na comarca, á vez que lembrou que o lugar foi escenario de acontecementos históricos relevantes que agora se poden coñecer a través da musealización.

A presidenta da Deputación destacou a vinculación do castelo á “primeira raíña de Europa”, Dona Urraca; ou o paso polo recinto de Emilia Pardo Bazán. “Por aquí pasaron grandes mulleres, que deixaron unha pegada moi potente”, proclamou. Así mesmo, mencionou a figura do mecenas Alejo Carrera (que adquiriu o castelo no ano 1923), e o seu papel na conservación desta “xoia”.

Tras a intervención realizada no recinto, cun investimento de máis de 260.000 euros, os visitantes poderán coñecer non só a historia do castelo, senón tamén da contorna e da sociedade desde a época medieval.

“EXPERIENCIAS” EN DIFERENTES ÁREAS TEMÁTICAS

Segundo explicou o director da musealización, Antoni Nicolau, as estancias do castelo adecuáronse para “ofrecer experiencias” a través das novas tecnoloxías e de producións audiovisuais, que fan un percorrido polos sucesos históricos que tiveron como escenario esta fortificación.

O percorrido polas diferentes salas distribúese en sete temas: ‘Sobroso na paisaxe’ (cunha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes); ‘A historia do castelo e os seus habitantes’ (cun audiovisual que narra a vida no recinto medieval); ‘O castelo, protagonista na Idade Media’ (cunha montaxe de elementos téxtiles e módulos de personaxes como Dona Urraca, Alfonso VII, Dinís de Portugal ou Isabel de Aragón); ‘O castelo, da destrución á recuperación’ (un ‘videomapping’ que simula a destrución do recinto e a súa rehabilitación); ‘A construción do castelo’ (con paneis gráficos sobre os traballos para erixilo e explicacións sobre as abundantes marcas de cantaría’; ‘Os seres máxicos e a auga’ (que ilustra sobre as lendas da zona); e ‘Os castelos, escenario de trobadores’ (que recupera a tradición oral).

As visitas, pensadas para grupos de 15 persoas, irán acompañadas por un guía que, mediante unha tableta dixital, activará as producións audiovisuais e os xogos de luces e son, con posibilidade de facelo en diferentes idiomas (castelán, galego ou inglés). Así mesmo, explicará os detalles e anécdotas relacionadas co castelo e os seus habitantes.

Tras a inauguración da musealización levaranse a cabo unhas xornadas de portas abertas nas que poderán participar ata 450 persoas. Así, a partir deste martes 5 de abril poderanse reservar as prazas en reservas.castelodesobroso@depo.es para participar nesta actividade, que terá lugar os días 9, 10, 14, 15 e 16 de abril, con 6 pases diarios para 15 persoas cada un.

Ademais, segundo apuntou Carmela Silva, ao longo da semana habilitarase unha web propia sobre o castelo, na que se detallará toda a información histórica e a actualidade sobre a fortificación. A partir de maio, poranse á venda as entradas para visitar este enclave.

ÚLTIMAS

Vigo acolle este sábado unha concentración contra o ataque de EE.UU. a Venezuela

Colectivos de cidadáns venezolanos e sindicatos convocaron este sábado concentracións en Vigo despois de...

Un erro ao alimentar unha caldeira de leña con carbón provoca unha intoxicación por monóxido de carbono en Oia

Unha persoa foi trasladada ao Hospital de Povisa, en Vigo, con síntomas de intoxicación...

Así será a Cabalgata dos Reis Meigos de Vigo: 11 carrozas e moita fantasía

A Cabalgata dos Reis Meigos de Vigo sairá o luns sobre as 18.00 horas...

Vigo repartiu en 2025 máis de 3.500 axudas de emerxencia para atender a 8.870 persoas

O Concello de Vigo outorgou no ano 2025 un total de 3.548 axudas de...