InicioCulturaAndrés Touceda, mestre montador de moscas: algunhas delas levan 300 horas de...

Andrés Touceda, mestre montador de moscas: algunhas delas levan 300 horas de traballo

Entrevistamos a Andrés Touceda, quen demostra a súa excepcional minuciosidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Andrés Touceda, veciño de Vigo, é un experto montador de moscas para a pesca, máis coñecido fóra das nosas fronteiras que dentro. As súas pezas son tan realistas que necesita centos de horas de elaboración para acadar un resultado que chame a atención non só dos peixes, senón tamén do espectador.

P- Como chegastes a esta afección?

R-  Gustábame a pesca con mosca, e coma calquera outro intentaba facer imitacións para enganar ás presas.

A tradición da montaxe de moscas remóntase aos exipcios, que colocan plumas nos anzois. En toda Europa e Asia está rexistrada historicamente a montaxe de moscas artificiais para a pesca.

En canto á difusión deste coñecemento, en Europa destacou o Manuscrito de Astorga, o cal explica que moscas funcionan e cales non, entre outros aspectos clave da práctica. O manuscrito orixinal, que estaba en posesión de Franco, perdeuse, segundo alegan os seus herdeiros, ao queimarse o pazo de Meirás.

Andres Touceda
Andres Touceda, experto montador de moscas realistas /Miguel Nuñez

P- Existen outras versións do acontecido?

R- Si. Outras voces, en cambio, defenden que o manuscrito orixinal vendeuse. Outro volume de referencia é “O perfecto pescador”, de orixe inglesa, algo anterior. A literatura inglesa é importante porque tiveron unha gran cantidade de colonias, así coma diñeiro e tempo para dedicar a hobbies. Así que aprenderon moito sobre a técnica adecuada para a pesca con mosca, e difundiron o seu coñecemento por Europa, influíndonos enormemente.

Pero son coñecementos baseados nos ríos ingleses, moi distintos do resto. Si que son parecidos a algúns dos ríos da provincia de Lugo, parados e con lodo no fondo, pero no resto de Galicia, en cambio, estes son moi curtos e con moita pedra.

Moscas realistas de rio
Moscas creadas por Andres Touceda /Miguel Nuñez

P- Entón, comezou a buscar un sistema adaptado á nosa contorna.

R- Ao comezo, eu utilizaba, seguindo a tradición, insectos acuáticos, sempre cunha base de montaxe tradicional con plumas. Co tempo, comezaría a empregar os materiais modernos que ofrece a tecnoloxía, plásticos cunhas características fantásticas.

Pero ademais un día, tentando pescar con moscas tradicionais, despois de toda a xornada non tivera éxito. Porque a tradición non contaba cos insectos terrestres, coma os escaravellos. Pero ese día utilicei un e cambiou totalmente a miña visión do asunto, polo éxito, ao fin, daquelas capturas.

Moscas de Rio
Moscas do Experto Andres Touceda/Miguel Nuñez

P- Hai varios tipos de moscas?

R- Existen gradacións; os cebos que só imitan a forma, os que intentan achegarse un chisco máis á realidade e os que directamente buscan reproducila.

Utilízanse moito as plumas porque teñen debuxos moi similares á pel de varios insectos. E o obxectivo é imitar a un insecto, un pez, ou unha rata; reproducir, sexa cal sexa, a comida dos peces.

E a norma non escrita mandaba utilizar moscas de río, sendo o camiño de Santiago unha vía de transmisión importantísima. O peregrino baixaba desde Europa pescando nos ríos, e a súa tradición arraigou.

Andres touceda dando unha charla
Andres Touceda dando unha charla sobre a sua pasion as moscas realistas de rio /Miguel Nuñez

P-Unha tradición que non era tan válida para Galicia.

R- Eu decateime de que os nosos ríos son moi distintos e as nosas troitas estaban acostumadas aos grilos, os escaravellos, saltóns… Ao ser ríos con fondo de pedra, e regulados por centrais hidroeléctricas, que os secan durante horas, os insectos métense no leito e cando chega a riada pode que non dispoñan de tempo para escapar. Así que o hábito alimentario das troitas galegas cambiou.

Pesca Moscas
Moscas Realistas do experto Andres Touceda/Miguel Nuñez

P- Como conseguiches abrir unha senda propia?

R- Investiguei información canadense e estadounidense, busquei o meu propio material e esforceime en construír o meu camiño. Despois dalgúns malos intentos, comezo a ensinar en sociedade a miña obra, intentando innovar e crear sempre novos patróns, non imitar.

Tendo en mente reproducir do xeito máis fiel posible o tacto, a forma, a textura dos insectos; para que, cando o peixe sinta o anzol na boca, non o cuspa. Os primeiros foron horrorosos, cada vez volvéronse máis cribles.

Moscas Realistas para pesca
Moscas Realistas de Andres Touceda /Miguel Nuñez

P- Continúan a ser moscas para a pesca?

R- Non, xa non pesco sequera. Cheguei  ao punto de non querer enganar aos peixes, senón a min mesmo,  acudín ao hiperrealismo. As miñas mantis non valen para a pesca porque levan 300 horas de traballo, non compensa por unha troita.

Realizo determinadas pezas se mo piden por encargo, por exemplo para exposicións, como fixen libélulas para o museo británico. Suso Cubeiro, ilustrador de contos, propúxome facer unha nécora, un camarón e un pez.

Moscas Realistas de pesca
Moscas Realistas de Andres Touceda/Miguel Nuñez

P- Que é o máis compricado de montar?

R- As alas son o máis difícil do insecto, imitar a súa cor e transparencia. A primeira mantis relixiosa que fixen foi sen alas, porque non sabía como elaboralas. Ata dous anos despois non descubrín o segredo.

P- Cal é a maior regla da montaxe de moscas?

R- Que nada vai pegado, todo vai con fíos. Se pegas algo con cola, estás facendo trampa, é a solución rápida. Hai que romper a cabeza. Tamén con barro poderías facer moldes, pero sería modelado de arxila, que non ten nada que ver, nin require dos mesmos coñecementos e habilidade.

Vin a montadores americanos colocar pezas con Loctite a un saltón. Ou facer patas cun arame. Pero iso é unha pequena estatua, non montaxe realista. Estiven de xuíz en concursos e a unha peza que acadou o primeiro premio eu lle din un 2, porque para min iso era outra cousa, dar volume a unha peza de arame.

ÚLTIMAS

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...

Atascos na A-55 en ambos os sentidos á altura de Mos ao rexistrarse dous accidentes sen feridos

A A-55 volveu a rexistrar longos atascos na mañá deste venres en ambos os...

Desacordos “estratéxicos” fixeron que Tavares saíse de maneira “amigable” de Stellantis

O exconselleiro delegado de Stellantis, Carlos Tavares, volveu a falar tras a súa saída...

Detida unha muller en Vigo por non pagar un desprazamento en taxi e que tiña pendente unha orde de arresto

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller de 45 anos de...