
A Colección permanente da Fundación Laxeiro, formada por sesenta e cinco das setenta e sete obras que o artista legou á cidade de Vigo (das que as doce restantes poden contemplarse no Museo Quiñones de León) está exposta permanentemente na Fundación Laxeiro. Estas sesenta e cinco obras, de todas as épocas da traxectoria de Laxeiro, ofrecen no seu conxunto, unha excelente panorámica da evolución do artista, constituíndo un abano moi completo dos diferentes estilos e as linguaxes diversas que Laxeiro utilizou ao longo de toda a súa carreira.
Durante estes anos, a Colección tivo diversas formulacións expositivas que sempre respectaron un percorrido cronolóxico, baseado nunha coincidencia buscada, entre o percorrido espacial da exposición e o percorrido temporal da traxectoria de Laxeiro.
Agora, a Fundación Laxeiro rompe con esa formulación de carácter historiográfico e lineal, para ofrecer outro xeito de visitar a devandita colección, baseado en tres criterios combinados de distribución da obra, como son o estilístico, o temático e, en menor medida, o cronolóxico.
PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN
Así, o primeiro que se atopa o visitante ao acceder ás salas da exposición, é un pano expositivo formado por unha composición de dezaseis obras, artelladas a partir de dous autorretratos ben diferentes, un carbón sobre papel do ano 1936, no que o artista escrebe “son eu” e, ao seu carón, un óleo sobre tea de 1977, no que a abstracción é o rexistro elixido. Estas dúas obras, colgadas no centro do pano, contrastan fortemente pola súa diversidade de linguaxes e dan a pauta do sentido do resto da selección que conforma a composición dese pano, formado por debuxos e pinturas de todas as súas épocas e, polo tanto, tamén de todos os seus rexistros expresivos. A lenda “son eu” do autorretrato de 1936, adquire así un significado como “tarxeta de presentación” para o visitante neófito, poñéndoo en situación sobre o que se vai atopar ao longo do percorrido pola exposición.
Seguidamente, no corredor da sala, dispuxéronse dous panos expositivos lineais enfrontados fisicamente que enfrontan tamén dúas temáticas do artista. No pano da esquerda pódense ver un conxunto de dez retratos, nos que se aprecia a súa evolución, comezando con carbóns sobre papel dos anos trinta e rematando cun óleo sobre tea de 1980, pintado en clave informalista. No pano oposto colgan dez óleos sobre tea e sobre papel, nos que se ve a súa aproximación á abstracción e ao informalismo que se orixina a partir da súa chegada a Bos Aires, en 1951.
Nos dous panos enfrontados a este primeiro, contraponse dúas obras antagónicas que ilustran, por unha banda, o compromiso de Laxeiro coa vangarda e, por outra, o seu labor como retratista de encarga, no Vigo dos anos corenta. Estamos a falar de Mascarón, de 1934, unha das obra icónicas do período granítico de Laxeiro, e de Retrato de José María Galbán, de 1944, un excelente exemplo da faceta de Laxeiro como retratista da burguesía empresarial viguesa.
Este corredor desemboca nunha sala final, na que o primeiro pano da esquerda, está dedicado ao tema do nú feminino, con tres exemplos de diferentes épocas, que amosan solucións moi diversas e, no pano contiguo, tres maternidades, tamén de épocas e estilos moi diferentes. Esta sala remata cunha composición, formada por doce obras sobre papel de pequeno formato, dispostas a modo de mosaico, no que se ofrece unha visión do Laxeiro máis lúdico e colorista.
A última sala está reservada para as obras de gran formato e, na súa maioría, as máis emblemáticas da Colección permanente, como son o Trasmundo, de 1946, todo un compendio da pintura de Laxeiro daqueles anos, o Carrotón de nenos, tamén chamado Xoguete, de 1934, un magnífico exemplo da figuración de entreguerras, a peza pintada polos dous lados Autorretrato, de 1934, magnífico exemplo da estética granítica e, no seu reverso, Carnavalada, de 1931 que, posiblemente é o primeiro cadro expresionista galego, ademais do icónico A vida, de 1968, unha enorme tinta sobre papel de case catro metros de ancho que compendia moitos dos rexistros expresivos utilizados por Laxeiro ata aqueles anos. Nesta sala tamén se poden admirar outras obras emblemáticas como Hans de Islandia, de 1966, unha reinterpretación laxeiriana da pintura xeométrica, levada á sensualidade do trazo curvilíneo tan característico do pintor, e outra Vida, de 1966, un óleo sobre tea realizado en clave informalista e matérica. Esta sala complétase cunha espléndida peza de pequeno formato titulada Cabeza, da década dos anos sesenta, unha obra escura, realizada en clave expresionista que retrata a un aforcado, e tamén outra Cabeza, esta da década dos setenta, na que revisa a súa estética granítica.
NOVAS ACHEGAS Á COLECCIÓN PERMANENTE
Ás sesenta e cinco obras que conforman a exposición, se suman nesta nova proposta, catro pezas depositadas por coleccionistas privados como son as dúas cabezas das que falabamos máis arriba, unha maternidade granítica dos anos corenta, o Retrato de José María Galbán xa mencionado, cedido pola Familia Galbán, e unha abstracción de 1993, titulada Neno pensador, depositada polo Sindicato Galego do Ensino.
EXPOSICIÓN DE DOCUMENTACIÓN
Outra das novidades desta nova montaxe, é a inclusión de documentación sobre a traxectoria do artista, disposta en dúas vitrinas que amosan documentos tan singulares como o diploma expedido en 1926 polo Centro Gallego de La Habana, ou un facsímile da crítica publicada por Francisco Fernández del Riego en El Pueblo Gallego, sobre a súa primeira exposición individual en 1934, na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela. Tamén se amosan diversos exemplares orixinais de catálogos de exposicións realizadas en Madrid, Xixón, Bos Aires, Vigo e Compostela; ou libros con ilustracións súas e mesmo un disco de vinilo con poemas de Marcos Ana (1920-2016), cuxa portada está ilustrada por Laxeiro.
LIÑA DE VIDA
Outra das novidades é a instalación dunha liña de vida que, de xeito moi gráfico, permite percorrer toda a vida profesional de Laxeiro nunha ollada rápida, na que se destacan os principais fitos da súa carreira e se acompaña de imaxes de diversos momentos e obras da vida do artista.
SINALÉTICA EN TRES IDIOMAS
Renovouse tamén toda a sinalética, composta por diversos textos dispostos nos diferentes panos expositivos que explican diferentes aspectos da figura de Laxeiro e da súa obra, ademais de cartelas explicativas nas obras máis destacadas e a xa mencionada liña de vida. Todos os textos están en galego, castelán e inglés.
Con esta nova proposta, a Fundación Laxeiro abre unha nova etapa na divulgación da Colección permanente e, por extensión, da obra de Laxeiro en xeral, na que, superado o criterio cronolóxico, se abre unha forma máis transversal e intuitiva de achegarse á Colección permanente, na procura de novos significados artísticos e culturais deste legado de Laxeiro que é propiedade da cidade de Vigo.
¿LAXEIRO NO MUSEO REINA SOFÍA?
Segundo puido saber este xornal, o alcalde Abel Caballero insinuou que o espazo apropiado para facer unha gran retrospectiva de Laxeiro sería o Museo Reina Sofía de Madrid, idea que aínda está por concretar.