O Festival de Cans entregou, na gala final celebrada na noite deste sábado, os premios correspondentes á súa 15ª edición, nos que se alzou como vencedor a curtametraxe ‘Matria’, de Álvaro Gago, con tres premios, ao Mellor curta de ficción, ao Premio AISGE á mellor interpretación feminina para Francisca Iglesias e o Premio do Xurado dos veciños.
Os galardóns obtidos no Festival de Cans súmanse ao percorrido por certames internacionais de ‘Matria’. A curtametraxe relata un día na vida de Ramona, unha muller que se refuxia na relación coa súa filla e a súa neta ante o seu duro traballo nunha conserveira e lastrada pola falta de comunicación co seu marido. Álvaro Gago repite así éxito en Cans, onde gañou o premio ao mellor curto por ‘Curricán’, en 2015.
Entre o resto do palmarés destaca o nivel da sección de Animación, onde dúas das películas levaron premios nas categorías xerais: o premio AGAG ao mellor guión (Luís Usón por ‘Afterwork’) e o da mellor banda sonora orixinal (Raúl Costafreda por ‘Sea’). En todo caso, foi ‘O reloxo’, de Borja Santomé, a que se alzou co premio a Mellor curtametraxe animada.
FURACANS
‘Europa’, de Hugo Amoedo, abriu o palmarés de ‘FuraCans’, a nova categoría competitiva do Festival para filmes de non ficción, recoñecido por “a súa urxencia de contar, pola necesidade de filmar, pola súa liberdade narrativa e polo seu grao de reflexión formal sobre a linguaxe cinematográfica”.
Completan o palmarés as ‘Also Sisters’ (Premio CREA á mellor realización); Eloi Sánchez Palau (Premio á mellor interpretación masculina por ‘Después de la bandera’) e dúas mencións especiais dos xurados, para ‘A cat in the window‘, de Félix Brixel (en ficción) e ‘La mujer invisible‘, de Noemi Chantada.
Eloi Sánchez Palau foi premiado “por trasladar de forma elocuente o xogo arriscado da película”, mentres que a Fracisca Iglesias recoñecéuselle “conseguir desde a naturalidade unha interpretación excepcional”.
PREMIO CREA
O Premio CREA do xurado á mellor realización, recaeu así en Miriam Albert Sobrino e Sonia Albert Sobrino (‘Also Sisters’), por “por xogar hábilmente coa linguaxe cinematográfica”. Luís Usón por ‘Afterwork’ obtivo o Premio AGAG ao mellor guion, “por mostrar de forma brillante unha realidade contemporánea pervertindo clásicos da animación”.
A recoñecida como Mellor banda sonora polo xurado, ‘Sea‘, de Raúl Costafreda, permite, segundo o xurado, mergullarse “no seu mar de area”, mentres que o Mellor videoclip do xurado, ‘Omertá’, de Gero Costas para BALA, plasma “o espírito do grupo, integrando a imaxe e a canción, transmitindo moita forza, enerxía e visceralidad, a través dun estilo directo”.
O Premio do público ao mellor videoclip recaeu, en cambio, en “Sobre el mismo alambre”, de Miryam Pato para Silvia Penide con Eladio Santos. O Palmarés continuou recoñecendo co Premio do Can Parade a Jessica Ramilo, “Jess”.
Mención especial do xurado de ficción foi para ‘A Cat in the Window’, de Félix Brixel, “por mostrar con sinxeleza o complexo”, mentres que a Mención especial do xurado FuraCans (en non ficción), foi para ‘La mujer invisible’, de Noemi Chantada, “por pór voz e rostro ao que está na sombra e por subliñar o xesto político inherente á creación cinematográfica”.