InicioCulturaAntonio Pombo, do VideoClub Krypton: "Este negocio non pode empeorar máis"

Antonio Pombo, do VideoClub Krypton: “Este negocio non pode empeorar máis”

Xornal de Vigo co pequeno comercio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Non abriu el o videoclub, senón seu pai, no 86. Leva 32 anos aberto ao público e é xa o máis antigo de Vigo, ao pechar o Terceira Fase en Genaro de la Fuente. Ao proxenitor de Antonio Pombo gustáballe o cine, xa traballara coas bobinas no cine da súa vila.

Tiña unha grande afección polo personaxe de Superman, de alí o nome, VideoClub Krypton (Av. da Florida, 49). O panorama era totalmente distinto. Comezaron a traballar co Beta, logo chegou o VHS, o DVD…

En barrios coma Torrecedeira ou Travesía había varios videoclubs. Agora case todos pecharon e Antonio Pombo e uns poucos máis están acurranchados, coma Rambo: “Dáme pena. É un choio bonito, no que mantés o vello pero obriga a estar actualizado”.

“Meus clientes dinme que á xente lle sorprende que áun vaian ao videoclub -recoñece-. E explícanlles que lles gusta o trato, que lles recomenden pelis, falar…”.

Nos estantes hai metade de DVD, metade de Blue Ray. Coma en Cinemanía (Av. Buenos Aires, 3), Pombo alugaba videoxogos, pero deixounos porque ademais de valer máis que as cintas a xente os roubaba ou raiaba.

A Pombo gústalle recomendar, é un pouco psicólogo, e cando alguén entra tenta adivinar que películas gustaranlle: “hai casos nos que vese á legua”. O negocio, non cre que poida empeorar máis.

Videoclub Crypton ©miguel Nuñez
As protagonistas / Miguel Núñez

El sabía dende o primeiro momento que Internet ía ser negativo para seu negocio: “Tiñamos unha asociación de tódolos videoclubes de Galicia e fixemos manifestacións para que controlasen o tema. Suxerimos bastantes ideas, pero non se nos fixo nin caso, estando detrás as grandes corporacións. Dende o comezo víase vir. Hai outros países, coma Alemaña, que coido que están comezando a alugar tamén as plataformas dixitais e seguir outras políticas”.

Suxire a comparación coa música, de feito el tocou durante moitos anos nunha banda: “Internet está ben para coñecer. Se dun disco só me gusta unha canción, pois claro que non o compro; senón pois gústame telo en formato físico, co libreto e estas cousas. Aquí igual. E cinéfilos hai, senón pecharían os cines e as productoras deixarían de facer películas”.

Por sorte, e a pesar do seu extenso coñecemento, pode sinalar tres películas favoritas: “Ciudadano Kane, que foi a miña primeira película en branco e negro que vin e impresionoume, a historia, a fotografía… A saga do Padrino, a segunda entrega resulta máis completa e a primeira brutal por Marlon Brando, impresionante, cheaba a pantalla con calquera papel. E Rocky, que dirás, que merda, o que queiras, pero marcoume na miña infancia, para min a mellor é a cuarta”.

foto de videoclub Crypton .© miguel nuñez
Videoclub Crypton / Miguel Núñez

Pombo viu todas as películas que ofrece ao público, asegura, para poder recomendalas, e iso que: “Ultimamente o cine moderno é moi malo, de 10 sálvanse 4, a última de Bridget Jones non a puiden ver enteira”.

Esta arte evolucionou de maneira abriante nas décadas que leva na tenda, e tamén durante as anteriores: “De cine mudo a alta definición, que ves os poros da pel. O cine amosa a tecnoloxía que vai vir, a evolución dos valores… Unha película é un reflexo da realidade”.

A Antonio Pombo gústanlle todos os estilos, tanto do cine como da música, aínda que el sexa “do rock”, recoñece. Leva un ano sen tocar, pero tocou dende os 15 anos no grupo vigués The Liar Papers.

Para concluír, unha recomendación: a última vez que lle sorprendeu unha película foi con Múltiple: “deixoume impactado. De feito a teño xa na miña colección particular”.

ÚLTIMAS

A Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado de acosar con insultos homófobos a un traballador en Vigo

Un home de 39 anos enfróntase a unha petición fiscal de ano e medio...

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Tres mergulladores denunciados en Vigo por capturar polbo de talla inferior e extraer case seis quilos de bivalvos

A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades...