A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este venres, no Pazo Provincial, o convenio para a doazón das esculturas da exposición “Nado en Pedra” da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, que lucirán na rotonda de Peinador.
Trátase do monumento á emigración composto de dúas pezas escultóricas, que a rexedora local mosense considera “moi vencellado á historia e á realidade actual do noso Concello, por unha banda pola abundante emigración á Arxentina que se viviu entre a poboación mosense dende comezos do século pasado, e por outra, porque vai estar instalado nunha glorieta ao carón do aeroporto de Peinador, sendo os aeroportos os grandes centros neurálxicos das migracións.
Ademais, Arévalo salientou que “con este monumento cumprimos a promesa contraída cos emigrantes mosenses en Bos Aires de facerlles unha merecida homenaxe escultórica en pedra no seu municipio de orixe”.
A mostra da Escola de Cantería “Nado en pedra”, da que proceden as pezas integrantes do monumento á emigración mosense, acaba de rematar o seu percorrido pola provincia e debido á súa boa acollida entre a cidadanía e o interese dos concellos, decidiuse doar as pezas escultóricas que forman parte da exposición. Así, a Mos doaránselle dúas esculturas: “Home de pé co seu fillo” e “Maleta”.
“Nado en pedra” é unha mostra itinerante cuxa finalidade é pór en valor os traballos realizados dende a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A exposición componse dunha vintena de pezas de gran tamaño, algunha delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática central a figura humana.