InicioCulturaRatificado o convenio que resucita o Teatro Fraga: 20,8 millóns para o...

Ratificado o convenio que resucita o Teatro Fraga: 20,8 millóns para o seu gran retorno

O visto e prace do Goberno galego permite avanzar cara á licitación das obras en 2026 e á recuperación dun símbolo cultural de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra que permitirá “investir máis de 20,8 millóns de euros en completar a rehabilitación do Teatro Fraga de Vigo”, co obxectivo de converter este edificio “nun centro cultural referente de todo o noroeste peninsular”. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen compareceu co presidente, Alfonso Rueda, destacou que se trata dun “proxecto estratéxico de país” co que se busca “devolverlle á cidadanía un edificio emblemático despois de 20 anos sen actividade” e recuperar un espazo “que forma parte da memoria colectiva de Vigo e de Galicia”.

Este fito será posible tras o visto e prace dado ao convenio plurianual 2025-2028 mediante o que o Goberno galego achegará o 51 % da contía necesaria para rehabilitar e o organismo provincial o 49 % restante, tendo en conta a porcentaxe de titularidade de cada unha das institucións públicas deste icónico inmoble. O obxecto deste convenio é dar continuidade ás obras xa executadas no proxecto orixinal polo equipo técnico do arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual delas, e a quen, consecuentemente, se lle adxudicou por contrato de exclusividade a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección das novas actuacións. Precisamente, prevese para abril do ano que vén a presentación do proxecto, co obxectivo, tal e como explicou o presidente, “de poder licitar as obras a mediados de 2026“.

COMPRA E REHABILITACIÓN

A compra do edificio foi anunciada por Alfonso Rueda en plena campaña electoral, en febreiro de 2024, e formalizouse, por 9,3 millóns de euros, nun acto levado a cabo no propio Teatro en xullo dese ano, coa presenza de Rueda, o presidente da Deputación, Luís López, e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Semanas despois, iniciouse unha rolda de contactos con colectivos sociais e culturais, para deseñar o plan de usos dese espazo, e abriuse unha caixa de correos virtual de suxestións. Igualmente, púxose en marcha un programa de visitas ao edificio, inicialmente os mércores e logo, tras a alta demanda, estendido aos sábados.

En marzo pasado presentouse o plan de usos, para unha actuación en 7.000 metros cadrados, que contempla, ademais da conservación do actual auditorio con 1.600 butacas, a creación dunha sala polivalente con 860 butacas que poderá albergar a máis de 2.000 persoas, así como espazos expositivos e de traballo, coa idea de pór en marcha residencias artísticas, actividades formativas, e un espazo específico dedicado á historia do propio edificio e do seu impulsor, o empresario cinematográfico Isaac Fraga. A previsión da Xunta é ter a principios do ano que vén a redacción do proxecto básico de execución, para poder licitar as obras a mediados de 2026.

OUTROS ACORDOS

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou a achega de máis de 140.000 euros para a ampliación do espazo expositivo dedicado ao aquitecto Antonio Palacios no Porriño (Pontevedra). Así, deuse luz verde ao convenio co Concello porriñés para ampliar o espazo actualmente dedicado a Palacios ao local contiguo, e que deberá ser acondicionado e equipado, para o que se actuará na fachada acristalada e traseira, en illamentos, pavimentos, climatización, iluminación e ampliarase a zona elevada para dar cabida á maqueta completa do plan urbanístico que o arquitecto deseñou para Vigo.

Igualmente, o goberno galego aprobou a creación e cualificación da colección museográfica Vicente Risco, xestionada pola fundación do mesmo nome e formada por fondos documentais, bibliográficos, plásticos e familiares, que pasarán a formar parte do sistema galego de centros museísticos. Deste xeito, a colección titularidade da Fundación, con sede en Allariz, poderá acceder a axudas específicas, participar en xornadas técnicas e terá a garantía de cumprir os requisitos en canto a instalacións e plan museolóxico.

No ámbito da cultura, o Consello tamén aprobou as bases para a convocatoria do período 2026-27 das bolsas de formación en arquivos, museos e bibliotecas, ás que a Xunta destina 955.000 euros. En total, ofertaranse 69 prazas: 33 de biblioteconomía, para formación con acompañamento de titores, 18 en arquivos (para o Sistema de Arquivos de Galicia), e 18 prazas para espazos museísticos. Os bolseiros comezarán a súa formación no segundo semestre de 2026 e recibirán 1.010 euros (bibliotecas) e 1.055 euros (arquivos e museos). As persoas interesadas deberán enviar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta, unha vez que a convocatoria se publique no Diario Oficial de Galicia e sempre que cumpran os requisitos das bases.

ÚLTIMAS

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...