O 17 de maio estivo cheo de celebracións. Ademais do Día das Letras Galegas, foi o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, unha efeméride á que se suma a Universidade de Vigo a través dunha serie de actividades organizadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i). A idea é dotar o estudantado, as familias e o público xeral de ferramentas para detectar e combater a desinformación e, para iso, deseñouse un programa de actividades que forman parte do Plan de Ciencia de Ida e Volta da UCC+i e contan co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Entre as propostas destaca un obradoiro multidisciplinar sobre desinformación e novas tecnoloxías para alumnado de Secundaria, un taller en liña para familias coa experta Roxana Morduchovicz no que se abordará o uso seguro e consciente das redes sociais na adolescencia e un debate público en Pontevedra, que reunirá expertos en comunicación, intelixencia artificial e saúde mental.
Dende a UCC+i explican que o obxectivo é “contribuír a educar no uso responsable da tecnoloxía, aproveitando as investigacións realizadas no seo da Universidade de Vigo” e para iso contan co “coñecemento e a colaboración de persoas expertas de distintas áreas, polo que todas as actividades propostas son multidisciplinares e achegan unha visión de conxunto”.
TALLER ONLINE ABERTO A FAMILIAS
A primeira das actividades terá lugar o vindeiro 26 de maio e será un taller en liña que impartirá Roxana Morduchovicz, recoñecida experta en cultura xuvenil e asesora principal da Unesco no programa de Cidadanía Dixital. A actividade, Adolescentes e redes sociais: Que poden facer as familias?, está aberta á cidadanía e nela Morduchovicz afondará na importancia das redes sociais para os adolescentes, analizando os riscos asociados ao seu uso e as consecuencias psicolóxicas que poden ter na súa identidade e autoestima. A sesión tamén incluirá orientacións e ferramentas para que as familias poidan acompañar as súas crianzas no uso responsable e reflexivo das plataformas dixitais.

Roxana Morduchovicz é autora de libros como Los adolescentes y las redes sociales e Ruidos en la web. Cómo se informan los adolescentes en la era digital e conta cunha ampla traxectoria internacional como asesora de políticas de cidadanía dixital en diversos países. Dende a UCC+i animan ás familias a participar nesta actividade “que ofrece claves moi prácticas para comprender mellor o mundo dixital no que se moven as nosas crianzas, e para acompañalas con máis ferramentas e criterio”. Será “unha “oportunidade única para achegarse a unha problemática de grande actualidade dende unha perspectiva científica, pedagóxica e práctica”.
As persoas interesadas poden inscribirse no taller a través da plataforma Eventbrite.
OBRADOIRO PARA ALUMNADO DE SECUNDARIA
Ao día seguinte, o 27 de maio, desenvolverase un obradoiro no IES Mendiño de Redondela co estudantado de 4º da ESO para explorar distintos aspectos da desinformación e do uso responsable da tecnoloxía a través de estacións de aprendizaxe. O alumnado terá a oportunidade de aprender a crear bos prompts (instrucións ou preguntas) para ferramentas de intelixencia artificial como ChatGPT, de experimentar coa detección de novas falsas nun ‘escape room’ dixital, de explorar o impacto dos algoritmos nas redes sociais e de poñer a proba os seus coñecementos nun reto interactivo.
A actividade será impartida por Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, do grupo TC1 – Tecnoloxías da Información e membros de atlanTTic; Guillermo Blanco González, do grupo SI4 – Sistemas Informáticos de Nova Xeración; e Talía Rodríguez Martelo e Uxía Seijas, do grupo CP2 – Comunicación Persuasiva, todas e todos eles investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.
Ademais, neste evento estará presente a furgoneta Paparruchas: en marcha contra a desinformación, un espazo itinerante de divulgación científica que se instalará no patio e ofrecerá información adicional sobre os retos da desinformación e as ferramentas dispoñibles para facerlle fronte. Este vehículo tamén se desprazará a Lalín para formar parte da feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, que terá lugar o día 30 organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.
DEBATE CON XABIER FORTES NO MUSEO DE PONTEVEDRA
Finalmente, o 9 de xuño, o Museo de Pontevedra acollerá o debate A desinformación baixo o foco, moderado polo xornalista Xabier Fortes e no que participarán investigadores e investigadoras da UVigo, como José Rúas Araújo e Iván Puentes, da Facultade de Comunicación; Guillermo Blanco González, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, da EE de Telecomunicación e Iria Veiga Ramos, médica psiquiatra e divulgadora (@rainhavermelha en Instagram).
Este evento estará estruturado en seis bloques temáticos que abordarán desde o funcionamento das fake news ata as ferramentas para combatelas. O debate estará aberto ao público ata completar a capacidade da sala.