InicioCulturaO mosaico romano de Panxón emprende o retorno definitivo a Nigrán despois...

O mosaico romano de Panxón emprende o retorno definitivo a Nigrán despois de 25 anos de exilio

Tras unha poxa no ano 2000, perdeuse a pista desta peza ata que apareceu nun anticuario de Nova York en 2018.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu este sábado, nun acto na galería Colnaghi de Madrid, o mosaico romano de Panxón para pór rumbo definitivo ao seu lugar de orixe tras 25 anos de exilio. Esta peza arqueolóxica, atopada á venda nun anticuario de Nova York, será exposta no Salón de Plenos de Nigrán durante dous meses, acompañada dunha musealización. Posteriormente, está previsto adecuar un espazo definitivo na Biblioteca Municipal.

“É un día de inmensa felicidade para Nigrán, atrévome a dicir que é un fito cultural sen precedentes no noso municipio“, afirma o alcalde, Juan González, posto que “o valor histórico é incalculable”. “Pasará a ser un emblema co que se identifique en toda España ao noso municipio”, afirma. Segundo explica o rexedor, tras ser embalado de novo, o mosaico sairá o vindeiro mércores, 22 de xaneiro, en transporte especial rumbo a Nigrán, onde chegará uns días despois.

En 2019 constituíuse unha asociación para repatriar esta xoia arqueolóxica. Así, en xaneiro de 2022 a obra embarcou desde a galería Carlton Hobbs de Nova York cara Londres, lugar no que estivo máis dun ano paralizada debido á burocracia polo Brexit. Finalmente, chegou a Madrid o pasado 28 de novembro de 2024 para agora ser devolta e iniciar o seu retorno ao municipio pontevedrés.

OBRA DUNHA VILA ROMANA

Este mosaico foi documentado en detalle nos anos 70 do pasado século polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen explicou a súa relevancia nunha zona na que existía unha importante vila no Baixo Imperio Romano, onde tamén apareceron ánforas, moedas e unha ara a Mercurio. Grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, sábese que a peza apareceu “no sitio chamado o Castro” de Panxón. Pertenceu primeiramente a Umbelina González Lavandeira, viúva do señor De Puga, quen tiña a súa casa na parroquia de San Xoán de Panxón.

Nun principio, o fragmento do mosaico atopado era máis grande, pero foise rompendo pola súa mala conservación. Os donos optaron por usalo para facer unha mesa para evitar a súa total desaparición. A obra, dun metro cadrado e 20 centímetros de espesor, representa mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, entre o que destaca un “colosal” peixe de 67 centímetros. Cara a finais do século XIX, a mesa co mosaico pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde se conserva durante todo o século XX. No ano 2000, aparece para ser poxado na Galería Castellana de Madrid. E así desapareceu ata o ano 2018, cando se atopa no catálogo da casa Carlton Hobbs.

ÚLTIMAS

Sumar Galicia impulsa unha proposta de coalición de esquerdas en Vigo de face ás próximas eleccións municipais

Movemento Sumar Galicia remitiu unha carta a Esquerda Unida, Verdes Equo, Anova e Podemos...

O aeroporto de Vigo opera con “normalidade” no cuarto día de folga dos controladores aéreos

Os aeroportos de Vigo e A Coruña funcionan "con normalidade" na xornada deste luns,...

Vigo aproba a taxa turística: custará entre 0,80 e 2 euros por noite segundo o aloxamento

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este venres o proxecto...

En liberdade provisional os tres detidos na operación antidroga de Vigo

O tribunal de instancia de Vigo, sección de Instrución, praza 4, decretou a posta...