Logo dun ano de parón, ocasionado polo repentino falecemento de quen foi o seu director durante 30 anos, José Luis González, a Semana de Cine Submarino volverá somerxese nas profundidades de mares e océanos na súa trixésimo segunda edición, que se celebrará entre os días 19 ao 21 de novembro. O cambio de dirección do ciclo, que a partir de agora recae nos catedráticos da UVigo, Jesús Souza Troncoso e Elsa Vázquez Otero, e unha nova localización: o auditorio da sede Afundación en Vigo, son as grandes novidades do certame, que na súa primeira xornada homenaxeará ao seu director José Luis González cunha proxección sobre a súa vida e obra. Así mesmo, o certame incluirá por vez primeira unha actividade na Facultade de Ciencias do Mar, que albergará unha exposición de fotografía de Xaime Beiro e un coloquio co realizador José Irisarri.
Na presentación da 32 edición da Semana, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, referiuse ao ciclo como “a actividade estrela” da programación cultural da UVigo, “porque leva moitos anos celebrándose e é moi demandada”. Reboreda recoñeceu que o pasamento de José Luis González “deixounos noqueados e orfos e orfas”, aínda que desde a Vicerreitoría tiñan claro que a actividade debía seguir adiante, agora nunha nova etapa “ao cargo de persoas da casa”, concretamente da Facultade de Ciencias do Mar do campus de Vigo.
REMUDA DUN “PESO PESADO”
O novo codirector da Semana de Cine Submarino, Jesús Souza Troncoso, manifestou na presentación do ciclo a súa “alegría e pracer” por recibir da vicerreitora o encargo de dirixir o certame. “Somos xente que facemos mergullo, que estamos moitos días no mar”, dixo Souza, que tamén recoñeceu a dificultade da tarefa que supón dar a remuda a “un peso pesado da imaxe submarina” como José Luis González. Un reto que comezará coa proxección dun documental en homenaxe ao director da Semana o primeiro día do certame e no que Souza agradeceu a participación da familia, de quen cualificou de “alma mater da Semana” e a quen lembrou, coñeceu cando estaba facendo a súa tese de doutoramento.
Logo de incidir na importancia de ter uns océanos a salvo, “xa que senón é así, quedaranos pouco como Homo Sapiens”, dixo Souza, tomou a palabra María Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación, para destacar a relevancia dun certame que se aliña con dous dos obxectivos da obra social, como son a educación en valores e a educación medioambiental. Cores confirmou que este ano serán 1.000 as e os escolares que acudirán ás proxeccións matinais para así “poder achegarse á fermosura das imaxes mariñas”.
HOMENAXE A JOSÉ LUIS GONZÁLEZ NA PRIMEIRA XORNADA
O martes 19 de novembro o ciclo subirá o pano homenaxeando a quen foi o seu director durante 30 anos, José Luis González. Será coa proxección do documental ‘José Luis González, unha vida baixo as augas’ do realizador Manuel Pedrosa Sánchez no que se descubre o impacto do traballo desenvolvido polo fotógrafo submarino, así como o seu labor de sensibilización sobre a importancia de conservar os mares. O documental baséase nunha recompilación das súas fotografías, que destacan pola súa calidade e conexión coa vida mariña.
Este mesmo día, proxectaranse outros dous documentais: ‘El pecio Bou Ferrer de la Vila Joiosa: Un yacimiento extraordinario’, que conta a historia do descubrimento e a investigación dunha das maiores naves antigas en escavación no mar Mediterráneo: o Bou Ferrer, un gran buque de comercio do Imperio Romano dos que chegaban ao porto de Roma procedentes de Cádiz. A peza ofrece imaxes submarinas gravadas durante décadas e unha reconstrución virtual que recrea como se cargaron na adega os lingotes de chumbo do emperador Nerón e as ánforas, así como a forma na que navegaba e como se afundiu. A primeira xornada completarase coa proxección de ‘Proxecto Argos. Memoria e patrimonio baixo da ría’, dirixido e realizado por Manuel Vázquez González e que pon en valor a importancia do patrimonio cultural subacuático da ría de Ribadeo. Precisamente o arqueólogo subacuático do proxecto, David Fernandez Abella, será o protagonista do coloquio que terá lugar a rematar as proxeccións e no que o tamén investigador do grupo Ecopast da USC, falará sobre o patrimonio subacuático e as ameazas que sofre.
O CINEMASUB REGRESA A VIGO
A segunda xornada da Semana centrarase na proxección de vídeos e documentais premiados no Ciclo Internacional de Cinema Submarino de San Sebastián 2023, Cimasub, e que regresa a Vigo por sétima vez. ‘Indonesia Blue’ do cineasta austríaco Fabian Guggenberger, galardoado coa Varanda de Ouro á mellor curta e ‘Os Catro Reis, o Santuario do Mar de Halmahera’ de Karlos Simón, achegarán aos espectadores ás augas de Indonesia, onde poderán descubrir algunhas das criaturas máis raras do planeta, así como os arrecifes de coral, ao tempo que se lles invita a reflexionar sobre o desenvolemento sostible e a resiliencia dos océanos.
‘Strangest Things’ do realizador estadounidense Dustin Adamson, cos seus innovadores efectos e unha perspectiva que convida a cuestionar a percepción da realidade e ‘As dúas caras de Tenerife’ do director canario Felipe Ravina, galardoado como Mellor Traballo de concienciación ecolóxica, no que ofrece unha poderosa reflexión sobre as amezas ambientais que enfronta a illa de Tenerife, completan o programa desta xornada, na que o convidado será o director, arqueólogo e director do grupo de investigación Icomav da Universidade de Alacante, José Antonio Moya. Director de series e autor de libros, Moya investiga a documentación do patrimonio cultural e natural mergullado.
BIODIVERSIDADE AMEAZADA DAS CÍES E AVANCES NO ESTUDO DAS ESPECIES
O xoves 21, a Semana de Cine Submarino baixará a pano coa proxección do documental ‘Islas Cies: biodiversidad amenazada’ de José Irisarri que se centra na progresiva caída de capturas de lagosta en augas de Galicia e do Cantábrico e que desapareceu das Cíes a mediados da década de 1980. As proxeccións complétanse con ‘Marcados para sobrevivir’, producida tamén por José Irrisari e dirixida por Manuel Uhía, un documental no que se abordan os avances científicos no estudo de peixes, raias e centolas na costa galega e de quenllas peláxicas no océano Atlántico.
A derradeira convidada da Semana será Patricia Quintas Pérez, doutora en Ciencias do Mar pola UVigo e xestora do proxecto BlueWWater, que aborda o problema dos contaminantes no medio acuático. O seu labor está moi centrado, así mesmo, na comunicación social da ciencia.