InicioCulturaTodo listo para o Festival de Cans: cartel presentado e entradas xa...

Todo listo para o Festival de Cans: cartel presentado e entradas xa á venda

Sara Casasnovas, actriz, directora e xurado noutras edicións, presentará un adianto da súa primeira longametraxe.

PUBLICADO O

- Advertisement -

XXI Festival de Cans, que se celebrará entre os días 21 e 25 de maio, lanzou á venda as entradas para o día de peche dunha edición que o director do certame, Alfonso Pato, avanzou que terá “un foco internacional”. O evento deu a coñecer este mércores a imaxe gráfica que simbolizará a edición deste ano, un traballo da marca galega Rei Zentolo e do seu responsable, Pablo Rodríguez.

O deseño recolle todos os elementos que caracterizan ao festival: o can amarelo, o chimpín adornado con flores, a alfombra vermella que conduce ao galpón, o ‘jaliñeiro’ como escenario musical e o ‘torreiro’ coas estrelas, ao que a organización do festival define como “quilómetro cero do audiovisual galego”. Concretamente, a marca e o festival naceron xuntos e ambos camiñan á vez, “un orgullo”, sinalou Alfonso Pato, este mércores na presentación na Sala Riquela en Santiago. O director estivo acompañado, entre outros, do propio deseñador, da presidenta da Asociación Cultural Arela organizadora do festival, Keka Losada, e de Alicia, veciña de Cans de 96 anos de idade, “tan floridos como o chimpín”, tal e como apuntou Pato.

Alicia é un símbolo e icona do festival, que goza vendo á xente no evento e, aínda que xa non viva na localidade, ten a confianza de deixar as chaves da súa casa para gardar todo o material. No cartel tamén aparece representado o acordeonista vasco Kepa Junkera, quen será homenaxeado na edición e dará nome ao ‘jaliñeiro’, converterase así no primeiro músico do mundo cun galiñeiro na súa honra. Así mesmo, segundo describiu Pablo Rodríguez, a imaxe ten “unha reminiscencia a Sargadelos“, cerámica que Rei Zentolo ten como referencia polo seu “traballo da cultura galega”.

A PAZ E O BO TEMPO

O cartel contén representados algúns dos desexos e pretensións do festival. Así, o símbolo da paz adorna o chimpín por terceiro ano consecutivo, sinalou Pablo Rodríguez, interrompido polo director do festival que apuntaba: “desgraciadamente”. “Non podemos esquecer que resoan os tambores da guerra preto”, continuou o responsable de Rei Zentolo. Doutra banda, a imaxe ten un sol grande que engaden cada ano como prognóstico de bo tempo e que, ata agora, deulles sorte.

VENDA DAS ENTRADAS

Este venres saen á venda as entradas para o sábado, día 25, na web do festival. O pack inicial, que se atopa a 20 euros, divídese en 100 entradas para as proxeccións da mañá e outras 100 para a tarde. Coa venda destas entradas sairán as seguintes, que non chegarán aos 30 euros, segundo compartiu Keka Losada. Estes primeiros packs inclúen a entrada, a camiseta da edición, a chapa limitada e o papel da programación, que tentan reducir “a pequenos pasos” para conseguir unha iniciativa máis sustentable co medio.

“FOCO INTERNACIONAL”

Nesta XXI edición o certame terá un “foco internacional”. “Será a primeira vez en España da Société Acéphale, unha produtora composta por directores e produtores franceses moi novos dos que Cans vai proxectar dúas longametraxes e seis curtametraxes”, adiantou Alfonso Pato. Destas, sete serán estrea en España ou en Galicia. “Identifícannos moito as sinerxías con creadores”, trasladou o director, que explicou que os produtores Lorenzo Bianchi e Anthony Lapia estarán nun encontro co público os días do festival. Así mesmo, as súas dúas longametraxes serán proxectadas antes, os días 16 e 18 de maio. “Un cinema moi fermoso, político e reivindicativo para os tempos que corren”, definiu o director do festival.

SARA CASASNOVAS PRESENTA O ADIANTO DA SÚA PELÍCULA

A presentación deste mércores tamén contou con Sara Casasnovas, actriz e directora que participou noutras ocasións en Cans, mesmo como xurado, pero nunca para presentar unha longametraxe. Este ano proxectará o adianto da súa primeiro película, da que ten o guión, o cal recibiu recoñecementos da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e da Asociación de Guionistas.

Trátase dun híbrido entre ficción e documental, unha historia vital e persoal de Sofía Casasnovas como actriz e, tal como destacou Alfonso Pato, un exemplo de que “a xente crece e volve creativamente” a Cans. “É un proxecto que se vai xestando e que necesita de apoio, hai que pasar pola ‘leira'”, explicou Casasnovas sobre este proxecto que, provisionalmente, chamásese ‘Aleivosía’, “unha mestura entre Frankenstein e Cabaret”.

ÚLTIMAS

Aínda queda xente honesta: unha persoa acha unha bolsa con case 2.000 euros e entrégalla á Policía Local

A Policía Local devolveu ao seu lexítimo dono unha bolsa que contiña case 2.000 euros e...

Caballero pregunta a Louzán se a exclusión de Vigo do Mundial 2030 foi por “odio” ou por “instrucións de Rueda”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a acusar este mércores a Rafael Louzán,...

Deteñen por ameazas ao mozo que agredira a outro menor en Vigo en novembro

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou a detención por ameazas, este...

Un menor agredido en Vigo leva días sen ir ao insituto e recibindo ameazas, denuncian os pais

Os pais dun menor que sufriu unha agresión hai varias semanas en Vigo denunciaron...