Vigo albergará o único concerto de Mercury Rev en Galicia, incluído no Ciclo Galicia Importa. Un evento que está patrocinado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, e que terá lugar no seu Teatro Afundación de Vigo. A actuación terá lugar este martes, a partir das 22.00 horas, e as entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.
A mítica banda de Nova York celebra o vixésimo aniversario de todo un clásico como Deserter’s songs cunha serie de concertos especiais en formato acústico nos que repasarán o seu emblemático disco xunto a outras cancións da súa traxectoria, e que en Galicia se fará dentro do Ciclo Galicia Importa.
Segundo explica a propia banda, “nesta xira especial recuperaranse moitas das historias e as cancións que envolven o noso álbum de 1998, interpretadas da maneira en que foron orixinalmente compostas. Isto promete ser unha extraordinaria ollada ás forzas que case destruíron a banda e aos estraños acontecementos que nos conduciron a un inesperado regreso”.