A Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos, sitada en Ponteaeras, pide axuda perante esta situación de crise sanitaria que deixa os animais dos refuxios e da rúa dobremente desprotexidos.
Nun escrito remitido aos medios no que piden axuda económica, alimentación ou desparasitacións, a asociación critica que os animais volven ser neste momento “os grandes esquecidos”, “vítimas do abandono e a indiferencia”. “Para eles non hai medidas de protección, nin partidas extraordinarias”, sentenzan.
Fronte ás adversidades, dende a asociación seguen “valentes”, aínda que recoñecen que “teñen medo”: “Agora non podemos traballar, non podemos preparar mercadiño os sábados, non podemos montar os postos de comida nas festas programadas para marzo e abril, non podemos facer recadación de alimentos en supermercados…”. As opcións amiñóranse e calculan que o penso do que dispoñen durará aproximadamente dúas semanas.
Ante a falta de recursos económicos para mercar desparasitacións ou pagar facturas económicas, piden que a cidadanía bote unha man para sacar adiante aos máis de 485 animais que teñen ao seu cargo. “Moitos deles son enfermos crónicos que precisan o seu penso de dienta e a súa medicación para seguir vivindo; innumerables colonias felinas dependen de nós; axudamos a animais de persoas sen recursos… Sempre estamos aí pero agora soas non podemos“, sinalan no comunicado.
COMO AXUDAR
“A nosa situación é moi, moi delicada agora mesmo, ningunha achega é pequena”, recoñecen. As canles para axudar a esta protectora de animais pasan por amadriñar ou apadriñar un animal, facer doazóns económicas a través desta conta bancaria (ABANCA ÍAN É38 2080 5435 5130 4012 3305 SWIFT/BIC : CAGLESMMXXX) ou a través de Paypal ou Teaming , e mercar na súa tenda virtual.