Hands of Science premia a Semana das Ciencias de Ponteareas polo seu traballo de divulgación

Recoñecemento a Ponteareas/ Concello de Ponteareas

A Semana das Ciencias organizada pola Concellería de Ensino do concello de Ponteareas vén de recibir o recoñecemento da HSCI (Hands of Science) pola súa “labor de excelencia”.

A organización internacional Hands of Science, que promove a difusión de todos os aspectos da ciencia, destaca así o traballo realizado dende Ponteareas por achegar a ciencia á cidadanía.

Neste sentido, o presidente de HSCI, o portugués Manuel Filipe P.C.M. Costa, suliñou a capacidade da Semana das Ciencias para “facer visibles as aplicacións científicas na vida cotiá e amosar á poboación o lado máis divertido da investigación e práctica científica”.

Outro aspecto que sumou para a obtención deste recoñecemento é o traballo en equipo de toda a comunidade educativa, dando especial protagonismo ao alumnado, aspecto que quixo resaltar a concelleira de Ensino Cristina Fernández no momento da recollida do diploma.

Unha delegación de Ponteareas, encabezada por Cristina Fernández e na que participou profesorado e alumnado, estivo presente na última edición de Hands of Science celebrada o pasado mes de xullo en Barcelona, logo de ter participado tamén no congreso celebrado na cidade portuguesa de Braga.

Para o Alcalde de Ponteareas é un orgullo comprobar, unha vez máis, “que a capacidade de facer partícipes á cidadanía e o traballo en equipo obteñan resultados tan positivos como o recoñecemento de excelencia da Semana das Ciencias”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here