InicioVigo e contornaVigoTui acolle o campionato estatal de barquiños de radiocontrol

Tui acolle o campionato estatal de barquiños de radiocontrol

Participarán 21 pilotos de distintas CCAA.

PUBLICADO O

Días de actividades no Baixo Miño. Esta fin de semana celébrase nas augas tudense do Miño o Campionato de España de Radiocontrol Térmico organizado pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Real Federación Española de Motonáutica e a Comandancia Naval do Miño.

No campionato van participar 21 pilotos de Galicia, Valencia, Cantabria, Madrid, Castellón, Santander e Murcia en tres categorías 7,5 cc, 15 cc e 35 cc. O circuíto terá forma de M nunha caixa de 100 por 50 metros que promete acción, velocidade e unha proba de nervios e pericia só para os máis expertos.

Na presentación deste evento participaron este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, e o piloto galego Emilio Cadaveira.

Precisamente o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientaba na presentación que “para nós é un inmenso orgullo ser sede deste campionato. Ningún lugar mellor ca este para unha proba coma esta, porque aínda que a proba oficialmente  se celebra no ámbito do Concello de Tui materialmente se realiza no Miño, e cando vimos a Tui vimos a un territorio que temos a inmensa fortuna e o inmenso privilexio de compartir cos nosos irmáns de Valença”.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, salientou coma esta é a terceira proba nacional de motonáutica que se celebra en Tui, amosando a vontade do Concello de Tui por seguir apostando por este tipo de eventos. Aproveitou para animar ao público a achegarse ao río a presenciar estas probas tanto o sábado coma o domingo.

Un dos pilotos galegos que participará neste campionato é Emilio Cadaveira, un referente no mundo da motonáutica, quen reiteraba o agradecemento ao Concello de Tui polas facilidades e a acollida para facer a proba. Salientaba que “trataremos de dar o mellor espectáculo deportivo que se poida”.

O Campionato de España de Radiocontrol Térmico comezará o sábado cos adestramentos libres a partir das 10.30 h. A primeira manga disputarase ás 12.45 h, e a segunda ás 17.45 h. O domingo os adestramentos comezará as 9 h, e a terceira manga será ás 10.45 h. A entrega de trofeo está prevista ás 12.30 h.

ÚLTIMAS

Rescatado o corpo sen vida dun home despois dun accidente co seu kaiak en Fornelos de Montes

Os Bombeiros do Porriño rescataron o corpo sen vida dun home tras sufrir un...

Máis de mil persoas de loito en Moaña para reclamar o regreso do PAC ao concello

Máis dun milleiro de persoas volveron a saír á rúa vestidas de loito no...

O PP vigués acusa ao Goberno local de non tomar nota por repetirse “os atascos monumentais” do pasado Nadal

O concelleiro do PP de Vigo Fernando G. Abeijón reprochou ao Goberno local que...

Arde un alboio en Gondomar sen que houbesen danos persoais

Un incendio calcinou por completo un alboio do lugar de Paraboa, na parroquia de...