A oferta formativa da Aula Mentor, o programa de ensino en liña que ofrece unha formación non regrada e con titorización personalizada para cada alumno, vén de ser ampliada. Así o ratificou o convenio asinado polo Concello de Tui e o Ministerio de Educación y Formación Profesional. O programa Aula Mentor, instalada xa no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei, estará xa operativa nos pr´óximos días.
A Aula Mentor vai dirixida a persoas maiores de 18 anos interesadas en ampliar as súas competencias persoais e profesionais. A través da mesma, as persoas interesadas terán acceso a un “amplo conxunto de cursos, en permanente actualización”, deseñados especialmente para esta modalidade de ensino a distancia, e organizados en áreas formativas dende “Iniciación á informática”, “Programación”, “Redes e equipos informáticos” a “Saúde”, “Idiomas” ou “Xestión comercial e financeira de Pemes”. Ademais, hai unha serie de cursos con carácter profesional para hostalería e turismo; servizos socioculturais e axuda á comunidade; madeira, moble e cortiza; comercio e márketing, …
Segundo indican dende o Concello, os primeiros meses serán de toma de contacto para “comprobar o seu funcionamento, resolver incidencias que poidan producirse, e avaliar a implantación do servizo”. Ofertará así máis de 200 cursos dirixidos tanto á mellora das competencias básicas como para a promoción da aprendizaxe ao longo da vida profesional, permitindo, unha vez completado, obter o certificado de profesionalidade.