Nas próximas semanas, o Concello de Tui contará cunha información detallada sobre cada cadro de mando e punto de luz do alumeado público e cunha serie de propostas para actuar sobre o mesmo na busca dunha maior eficiencia enerxética, cumprimento da normativa e redución da contaminación lumínica.
Este será o resultado a auditoría que está a realizar a empresa 4Es, European Energy Efficiency Engineering, S.L., cun prazo de execución de 8 semanas e un investimento de 9.950€ máis IVE.
Así o explicaron esta mediodía de luns o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e o representante da empresa 4Es, Tomás Saz. O rexedor expuxo que “a realización desta auditoría é un paso imprescindible para coñecer a situación actual e poder actuar con todos os datos para mudar as luminarias na cidade, o que redundaría nun mellor servizo en un aforro importante”.
Deu a coñecer que o ano pasado o concello gastou en alumeado, sen contar mantemento nin reposición, 391.737,82€, unha cantidade que de implantar tecnoloxía led en todo o municipio podería reducirse nun 66%.
Sinalou tamén o alcalde que esta auditoría é o paso previo, e será a corporación que saia das eleccións de maio a que deberá avanzar coa licitación do subministro eléctrico e no cambio de tecnoloxía. Ao longo das últimas catro semanas a empresa ten realizado a toma de datos dos 118 centros de mando, e dos case 6.400 puntos de luz que hai por todo o termo municipal.
En concreto, como explicou Tomás Saz de 4Es, recolleron as características, proteccións e liñas de saída dos centros de mando, e a ubicación con coordenadas, nome identificativo, tipo de luminaria, tecnoloxía e tipo de soporte dos puntos de luz.
Agora comeza a análise dos datos obtidos previa a redacción da auditoría na que detallará a descrición do estado actual das instalacións, formulando unha proposta técnica e valoración enerxética e económica desta proposta, ademais de comparar a situación actual e a futura ao executarse as propostas realizadas.
No caso concreto de Tui tense en conta ademais a singularidade do conxunto histórico para o que están en contacto con Patrimonio. Tras esta auditoría o Concello disporá tamén dunha plataforma de xestión tanto dos cadros de mando coma das luminarias, cun inventario detallado e que permitirá a xestión e modificación dos datos, e o control de consumos.